Caldas contrata 11 novos traballadores nun Plan de Emprego de 163.400 euros
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis vai destinar 163.408 euros da liña 3 do Plan de Concellos da Deputación de Pontevedra 2021 á contratación de 11 novos traballadores e traballadoras en situación de desemprego a través dun novo Plan de Emprego.
O alcalde, Juan Manuel Rey, explicou que o Concello axilizou o máximo posible a tramitación desta achega co obxectivo de que a incorporación dos operarios poida realizarse o antes posible. Nos próximos días comezará o proceso selectivo para cubrir os postos ofertados. As contratacións serán de 30 horas semanais e cunha vixencia de 10 meses.
O Concello decidiu priorizar o reforzo do servizo municipal de Obras, de Medio Ambiente e de Cultura. En concreto, ofertará 2 contratos de condutor maquinista, 2 de oficial de primeira albanel, 4 de peón de obras, 2 de peón de limpeza e 1 de auxiliar administrativo.
Segundo a información facilitada polo Concello, as prazas ofertadas van dirixidas a persoas desempregadas. O Concello fará as solicitudes de persoal e o Servizo Público de Emprego será o organismo encargado de remitir a relación de posibles candidatos para cada posto inscritos no servizo. A partir de aí, a administración municipal abrirá o proceso selectivo para cubrir as diferentes vacantes.
Para a selección dos candidatos, o Concello de Caldas de Reis, en aras da inclusión social, daralle preferencia ás vítimas de violencia de xénero, ás persoas maiores de 45 anos e aqueles que acrediten unha discapacidade superior ao 33%, ás persoas que formen unha familia monoparental con fillos ao seu cargo, ás persoas con niveis de renda máis baixa e ás persoas con cargas familiares.
O concelleiro Manuel González destaca que o Goberno municipal pon en marcha unha oportunidade para que moita xente poida acceder a un posto de traballo nun momento de dificultades no mercado laboral.
O alcalde agradeceu "enormemente" á Deputación o seu "esforzo e apoio" e destacou que o Concello cubre e reforza as necesidades operativas e, en consecuencia, vai incrementar a cantidade e mellorar a calidade na prestación dos servizos públicos á cidadanía.