Xuntanza das catro comunidades de montes ante a negociación con Defensa
Por Oskar Viéitez
A Comunidade de Montes de Salcedo actuou este luns como anfitriona para acoller os representantes das comunidades de montes de Salcedo, Vilaboa e Figueirido e negociar unha estratexia de cara á reunión deste martes co Ministerio de Defensa para abordar o futuro dos terreos que ocupa a base da Brigada de Infantaría Lixeira Aerotransportable (Brilat).
Á saída do devandito encontro todas as partes coincidiron en informar que formularán aos responsables do Goberno unha "fronte común" que pasa por esixir unha sóla reunión na que estean convocadas todas as partes afectadas e na que se decida o importe do cánon que o Exército pagará pola ocupación dos terreos de monte comunal.
Na reunión tamén se acordou o marco negociador que se levará á reunión do martes, é dicir, uns topes en canto ao prezo máximo a esixir e o mínimo que están dispostos a aceptar polas 137 hectáreas que, a día de hoxe, necesita a Brilat.
Para este martes, na Subdelegación do Goberno e por separado, están convocadas para negociar con Defensa as comunidades de montes de San Xulián, Figueirido e Vilaboa. Un día máis tarde, o mércores, será a cita coa comunidade de montes de Salcedo. En fronte o seu interlocutor será o xeneral de división José Manuel Gordillo, subdirector xeral de Patrimonio de Defensa.