Incautan preto de 2.000 máscaras ilegais nun control de estrada en Vilaboa
Por Redacción
A Garda Civil puxo ao dispor das autoridades sanitarias da Xunta de Galicia preto de dous mil máscaras ilegais que foron intervidas nos últimos días do mes de xaneiro durante un control de estrada no municipio de Vilaboa.
Os feitos sucederon no transcurso dun control selectivo de vehículos que estaba a realizar a Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Pontevedra, á altura do quilómetro 33,600 da estrada PO-551, no termo municipal de Vilaboa.
Nun dos vehículos inspeccionados, que ía conducido por un veciño de Vigo, a Garda Civil observou que levaba unha partida de máscaras ilegais que presuntamente pretendía vender e distribuír en distintas farmacias da provincia.
No maleteiro do turismo levaba 160 paquetes que contiñan 1.895 máscaras de protección de distintos tipos, que carecían da preceptiva documentación que legalizase a súa tenencia e comercialización. No seu descargo, o condutor e único ocupante do vehículo, alegou que as compraba a través de Internet, as empaquetaba no seu domicilio e distribuíaas normalmente nas farmacias.
Ao non presentar o condutor ningún tipo de documentación que acreditase a orixe legal das máscaras, que ademais carecían da preceptiva homologación, foi obxecto de varias denuncias administrativas.
Por unha banda, foi denunciado ante a Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia por carecer de alta como vendedor/distribuidor de produtos sanitarios, ante a Consellería de Innovación, Industria e Comercio ao contravir a lexislación de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias por incumprimento das disposicións sobre etiquetaxe e marcado dos produtos.
No mesmo orde de actuacións, denuncióuselle tamén por vía administrativa, por unha infracción de contrabando, ante a Sección de Aduanas e II.EE. de Pontevedra, por non acreditar a legal importación das máscaras que constaban fabricadas nun país extracomunitario.