A aparición dunha poza en Daniel de la Sota obriga a unha reforma da rede de saneamento na rúa
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A obra de reforma do pavimento da rúa Daniel da Sota no entroncamento con Benito Corbal e Cobián Roffignac ofreceu unha sorpresa inesperada. Segundo relataba o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, o venres 29 durante o traballo de demolición do asfalto, os operarios da empresa Covsa descubriron unha poza en malas condicións.
Segundo explicaba este mércores o concelleiro debaixo desa poza atopábase unha cova dun tamaño importante. Esta situación, afirma, prodúcese pola filtración de auga e provoca que o terreo se mine de forma que o pozo actúe como unha columna que soporta unha bóveda sostida polas lastras superiores.
Demetrio Gómez recoñeceu que é imposible descubrir este tipo de cavidades ata que se produce un afundimento ou, como neste caso, durante a escavación descóbrese o problema.
Tanto os técnicos municipais como os operarios de Viaqua, empresa concesionaria da auga, e Covsa, entidade que realiza as obras, decidiron que a mellor solución ante este problema é proceder a un cambio da rede de saneamento.
Desta forma, indicou o concelleiro, será unha reforma integral deste espazo con renovación dos servizos. Estas novas obras terán un orzamento de 20.952 euros e este mércores tramitábase de urxencia co obxectivo de que se realice de maneira rápida pola propia empresa Covsa, que é a que está a traballar con maquinaria e persoal na zona.
O responsable de obras recoñece que esta incidencia provocará un atraso na execución do proxecto. Entende que esta intervención alongarase algo máis de dúas ou tres semanas, principalmente se continúan as choivas. Os traballos obrigan á creación de gabias de dous metros e medio de fondo. A intención do goberno local é que, con esta renovación das canalizacións, a rúa non precise retoques "nos vindeiros 25 anos".
Relacionadas:
-
Os traballadores de Viaqua inician mobilizacións en Pontevedra por "un convenio xusto"
Por Manu Otero |
-
Abren ao paso peonil o novo cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota
-
Contratan un arqueólogo para facer un informe da obra do cruzamento de Benito Corbal con Daniel de la Sota
Por Oskar Viéitez |
-
O mércores 27 comezan as obras para crear a praza circular entre Benito Corbal, Daniel de la Sota e Cobián Roffignac
Por Redacción |
-
O entronque das rúas Peregrina e Daniel de la Sota será ambientado para captar clientes
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |