Acoden a un piso por un incendio e atopan unha muller incumprindo unha orde de afastamento da súa nai
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
A Policía Local de Pontevedra localizou a pasada noite unha muller de 46 anos que incumpría unha orde de afastamento que lle impedía achegar á súa nai. O incumprimento constatouse con motivo dun incendio na rúa Ernesto Caballero. Os axentes acudiron ante unha alerta por un lume nun piso e, ao chegar, localizaron na vivenda unha nai e unha filla. A filla tiña en vigor esa orde.
Segundo a información facilitada pola Policía Local, a filla estaba agochada no interior dun armario e, cando a localizaron, negábase a saír. Cando comprobaron a súa identidade, detectaron ese incumprimento e agora están a instruír dilixencias policiais por un delito de quebrantamento de condena.
Nai e filla, de 46 e 73 anos, tiveron que ser trasladadas ao Hospital Montecelo con síntomas de intoxicación por inhalación de fume a raíz dese incendio, que se produciu sobre as 22.15 horas da noite deste martes nun piso do número 13 da rúa Ernesto Caballero 13 e motivou a intervención de axentes do corpo policial, os Bombeiros de Pontevedra e persoal sanitario de Urxencias Sanitarias de Galicia-061.
O lume iniciouse na campá extractora e os propios veciños sufocárono, aínda que á chegada da Policía Local, tanto as zonas comúns do edificio como o interior do piso estaban cheas de fume.
Cando procederon a abrir as xanelas, os policías localizaron nunha habitación á dona da vivenda, de 73 anos. Indicáronlle que debía abandonar a vivenda, pero ela non reaccionou e finalmente tiveron que sacala á forza ata as escaleiras do edificio, onde foi atendida por persoal médico.
Posteriormente, localizaron a unha segunda muller, de 46, que estaba no interior dun armario. Ambas tiveron que ser atendidas no propio lugar do incendio nunha ambulancia e posteriormente trasladadas a Montecelo.
Así mesmo, no piso rescataron dous animais, un gato e un hámster.
Os bombeiros non tiveron que sufocar o lume, pero si realizar tarefas para extraer o fume do interior do piso e do resto do edificio. Ademais, realizaron medicións da calidade do aire antes de permitir que os veciños regresasen ás súas vivendas.
CORTE DO CAMIÑO DE SANTIAGO
Na noite deste martes para este mércores, a Policía Local de Pontevedra procedeu ao corte do Camiño de Santiago no tramo que pasa pola parroquia de Alba.
Segundo explicaron fontes policiais, produciuse un desbordamento do río Rons e a zona quedou acoutada por unha cinta que indica que non se pode transitar.