Detido un dos veciños que agrediu á Policía Local e a Garda Civil no Vao por roubar nunha panadería de Sanxenxo
Por Redacción
A Garda Civil logrou esclarecer un roubo con violencia ocorrido a pasada fin de semana nunha panadería de Sanxenxo coa detención dun veciño do poboado do Vao, en Poio, con numerosos antecedentes policiais, entre eles, o ataque a axentes da Policía Local de Poio e a Garda Civil nese poboado o pasado mes de maio.
As investigacións, levadas a cabo por efectivos do posto principal da Garda Civil de Sanxenxo, iniciáronse o pasado domingo ao ter coñecemento de que se cometeu un roubo con violencia nunha panadería, no que un individuo, tras forcexear coa empregada detrás do mostrador, arrincou a caixa rexistradora.
O ladrón logrou apoderarse da recadación, uns 100 euros en efectivo, e deuse á fuga nun vehículo que tiña estacionado nas inmediacións.
As indagacións concluíron coa identificación e detención do presunto autor, que fora detido en maio pola agresión, con paus e pedras, a policías locais e gardas civís.
Ademais de dar por resolto o roubo de Sanxenxo, a Garda Civil continúa as investigacións para determinar se se trata da mesma persoa que ese mesmo día puido estar en varios domicilios de Ribadumia, Baión e Barro.
Segundo a Garda Civil, este home pediría diñeiro para o carburante do coche, coa suposta intención de cometer roubos nas vivendas.
Os feitos investigados foron postos en coñecemento do Xulgado de Garda de Cambados, onde o detido deberá comparecer cando sexa requirido.
Relacionadas:
-
Un veciño de 46 anos, detido cando vendía papelinas de droga preto do Vao de Arriba
Por Redacción |
-
Sete investigados máis polo ataque sufrido por dous policías no Vao
Por Oskar Viéitez |
-
O poboado de O Vao pide a liberdade dos detidos por agredir á Policía Local e a Garda Civil
Por Redacción |
-
Os policías atacados no Vao foron vítimas dunha emboscada intencionada
Por Oskar Viéitez |
-
A Garda Civil entra no Vao para deter aos implicados na agresión aos policías
Por Oskar Viéitez |