Unhas tres mil personas de entre 40 e 79 anos, convocadas a un cribado preventivo en Ponte Caldelas
Por Redacción
O Servizo Galego de Saúde fará desde este mércores e ata o vindeiro sábado un cribado poboacional en Ponte Caldelas con test rápidos de antíxenos, de cara a detectar o maior número posible de portadores asintomáticos, o que permitirá reducir a cifra de contaxios por coronavirus nesta localidade.
Este cribado voluntario terá lugar no centro de saúde de Ponte Caldelas desde o mércores 3 de febreiro ata o vindeiro venres 5 de febreiro en horario de tarde -a partires das 15:30 horas-; e en horario de mañá -a partires da 9:30 horas- o vindeiro sábado 6 de febreiro.
Á dita iniciativa preventiva a administración sanitaria pública galega vai convocar, vía SMS telefónico, á poboación de Ponte Caldelas dentre 40 e 79 anos de idade, colectivo que nesta localidade acada a arredor das 3.000 persoas.
Para levar a cabo este cribado, a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés contará no centro de saúde con tres equipos de enfermaría en cada turno, que efectuarán tarefas de control e cumprimento das medidas de seguridade, realización e procesado das tomas de mostras e información aos usuarios.
Este tipo de probas permiten aumentar a cifra de casos detectados, á vez que amplían o abano diagnóstico, diferenciando entre infeccións agudas, avanzadas ou curadas.
Os resultados negativos destes cribados serán comunicados por SMS, mentres que os positivos notificaránse contactando directamente vía telefónica con cada persoa.
Dende o Concello de Ponte Caldelas sinalan que pode acontecer que persoas que viven neste municipio e que cumpren a franxa de idade non son citados. Nese caso, se algunha persoa que cumpre os requisitos non recibe a convocatoria por SMS antes do venres 5 de febreiro deben chamar ó Concello (986750013 ext. 2 Leticia) para elaborar un listado que se remitirá a Sanidade e que os inclúa na convocatoria.