A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Pontevedra implementa a cita previa por internet
A Oficina de Atención á Vítima e á Cidadanía de Pontevedra comezou este martes 2 de febreiro a proporcionar cita previa a través de internet, coa fin de facilitar os trámites a usuarios e evitar así os desprazamentos innecesarios.
Os modelos a cubrir para realizar as xestións relacionadas con conciliacións, xuízos verbais, xurisdicións voluntarias e monitorios xa se poden descargar na páxina web https://www.xustiza.gal/portada. As persoas interesadas só terán que levar os trámites á oficina unha vez estean cubertos.
O sistema permite pedir cita para entregar documentos, solicitar información sobre procedementos abertos ou solicitar outros impresos. Ademais, deixa reservar cita presencial no caso de que a xestión a realizar non se atope en ningún dos apartados anteriores.
Os trámites realizaranse de luns a venres e todos eles teñen asignado un horario. Desta forma a entrega na oficina de modelos normalizados será de 10:30 a 11:00, as peticións de informes sobre procedementos abertos de 11:00 a 12:30, e as solicitudes doutros impresos, de 12:30 a 13:00. Aquelas citas presenciais para outro tipo de trámites concederanse de 9:00 a 10:30 horas.
O resto de oficinas de atención á vítima e á cidadanía de Galicia poñerán en marcha este sistema de cita previa nos próximos días. Este novo servizo realizado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), dependente da Xunta, enmárcase dentro das medidas adoptadas na nosa comunidade para facer fronte á covid-19 no ámbito da administración de xustiza.