Os gardacostas comisan 270 nasas e retornan ao mar un cento de quilos de centola, lumbrigante e camarón
Por Redacción
Os axentes do servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, desenvolveron nos últimos días varios controis na ría de Pontevedra que se saldaron coa incautación de máis de 270 útiles, a retirada de 350 metros de artes de enmalle e o comiso de case 132 quilos de produtos do mar.
O operativo máis importante dos desenvolvidos en augas do litoral pontevedrés foi a incautación dos máis de 270 útiles de pesca. Por unha banda, incautáronse 254 nasas a dúas embarcacións, 144 a unha e 110 a outra, por telas caladas fóra do horario que tiñan autorizado. A estas sumáronse outras 16 nasas retiradas do mar por estar sen identificar.
Nesta actuación levantáronse as correspondente actas de presunta infracción ás embarcacións identificadas e os preto de 32 quilos de camarón que se atopaban dentro das nasas foron devoltos ao mar.
Noutro dispositivo realizado na ría de Pontevedra, que tamén contou con inspeccións en terra, os axentes do servizo de Gardacostas comisaron preto de 50 quilos de distintas especies, principalmente centola ovada e choco, ademais de lumbrigante de tamaño inferior ao permitido.
Os gardacostas levantaron actas de presunta infracción aos profesionais identificados e devolveron tanto a centola como o lumbrigante ao mar, mentres que o choco foi entregado a unha entidade benéfica.
Un terceiro control en augas do litoral pontevedrés desenvolvido entre Sanxenxo, Beluso (Bueu) e Aguete (Marín) saldouse co levantamento de cinco actas de presunta infracción por distintos incumprimentos da normativa de pesca e coa incautación de tres útiles e 350 metros de artes de enmalle así como o comiso de preto de 30 quilos de centola que foi devolta ao mar.
Outros controis desenvolvidos nesta zona finalizaron con cantidades menores de comisos e incautacións.
Esta actuación englóbase dentro dun operativo máis amplo desenvolvido por todo o litoral galego no que en total, incluídas as requisas na ría de Pontevedra, confiscáronse preto de 700 quilos de distintas especies de peixe e marisco, máis de 460 útiles e 350 metros de artes de enmalle.
Relacionadas:
-
Os gardacostas decomisan 25 quilos de marisco e peixe no porto de Aguete
Por Redacción |
-
Galicia reforza a frota e o persoal operativo na loita contra o furtivismo
Por Redacción |
-
A fin da veda da centola dispara o furtivismo na ría de Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
Investigan doce furtivos que incumpriron o estado de alarma para coller ameixa e un mariscador con licenza que a vendía en Carril
Por Redacción |