Os positivos por covid-19 chegan ata os 2.455 e as hospitalizacións son xa 154, trinta delas na UCI
Por Alejandro Espiño
A covid-19 segue poñendo en xaque á situación asistencial da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés. As hospitalizacións volven crecer e este domingo situáronse en 154, trece máis que onte. Preocupan especialmente as 30 persoas (unha máis) que están ingresadas na unidade de coidados críticos de Montecelo.
A maior parte dos hospitalizados (124) están nas unidades de hospitalización para enfermos de covid-19, segundo o balance diario do Servizo Galego de Saúde.
En concreto, hai 84 infectados que están a ser atendidos en Montecelo. Outros doce están no Hospital do Salnés e hai dezaseis no QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra.
O resto dos que contraeron o virus, outras 2.301 persoas, atópanse illadas nos seus domicilios e recuperándose baixo supervisión médica.
Tampouco afrouxa, segundo os datos da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, o número diario de contaxiados. Neste caso, foron 168 novos infectados.
Con estes datos, os casos activos por covid-19 na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés sitúanse xa en 2.455. Son 90 máis que onte. É a área onde máis crece a incidencia.
Desde o inicio da pandemia 7.732 pacientes da área sanitaria superaron a covid-19, 78 nas últimas 24 horas, e rexistráronse 109 falecementos asociados ao virus.
En canto á realización de probas PCR, fixéronse na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés un total de 141.439, 1.269 nas últimas horas. Delas, 148 deron positivo (11,68%). A estas probas súmanse as 54.250 serologías realizadas ata a data.
INCIDENCIA EN GALICIA
A nivel autonómico a Dirección Xeral de Saúde Pública informa que o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 22.608, 97 máis que o día anterior. Deles 6.020 son da área da Coruña, 2.129 da de Lugo, 2.949 da de Ourense, 2.455 da de Pontevedra, 3.851 da área de Vigo, 3.425 da de Santiago e 1.779 da de Ferrol.
Do total de pacientes positivos, 232 están en UCI, 1.130 en unidades de hospitalización e 21.246 no domicilio. Por agora, en Galicia hai un total de 72.756 persoas curadas, rexistrándose 1.761 falecementos.
Desde o inicio da pandemia realizáronse en Galicia 1.410.559 probas PCR, 12.580 nas últimas 24 horas, que permitiron detectar a 1.185 novos infectados.
Relacionadas:
-
Un de cada tres novos contaxios rexístranse en Pontevedra, Marín e Sanxenxo
Por Alejandro Espiño |
-
Dous homes no Hospital do Salnés e outro en Montecelo elevan a 112 os falecementos por covid-19 na área sanitaria
Por Redacción |
-
Os hospitalizados por covid-19 crecen a 161, 31 na UCI, nunha xornada con 119 novos contaxios
Por Alejandro Espiño |
-
Derivan pacientes de Pontevedra a Vigo ante a situación hospitalaria en Montecelo
Por Redacción |
-
Ningún concello da área sanitaria pecha xaneiro cunha incidencia por baixo de 250
Por Alejandro Espiño |
-
Sanxenxo ingresa na 'lista negra' de concellos cunha incidencia de máis de 1.000
Por Alejandro Espiño |
-
A UCI, ao límite: 29 pacientes críticos entre os 2.365 casos activos por covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Catro mortos máis por covid-19, tres en Montecelo e outro na súa casa de Ponte Caldelas
Por Alejandro Espiño |