A rehabilitación dos Baños do San Xusto, xa na súa recta final, estará rematada este ano

Por Redacción
A pesar da covid-19, mantéñense os plans para os Baños do San Xusto. Coas obras de rehabilitación na súa fase final, o Concello de Cerdedo-Cotobade e a Xunta de Galicia agardan que a apertura do renovado complexo sexa este mesmo ano.
Así o concretaron a delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, nunha xuntanza de traballo.
Nestes momentos, ambas as administracións están a perfilar todos os detalles técnicos e administrativos e a determinar os seguintes pasos a realizar para a posta en marcha deste complexo saudable.
A rehabilitación dos Baños do San Xusto supuxo un investimento de case 700.000 euros, financiado integramente polo Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia no marco do primeiro Pacto pola Paisaxe da comunidade autónoma.
A actuación contempla a restauración da antiga minicentral para a súa conversión en balneario, a recuperación dos antigos muíños para saunas con vistas ao río Lérez, a posta en valor das antigas bañeiras para convertelas en pozas públicas ao aire libre e a urbanización, os accesos e o axardinamento de toda a contorna.
No encontro entre Piñeiro e Cubela, ambos dirixentes tamén abordaron o estado do saneamento de Tenorio, a senda peonil desta mesma parroquia, a construción das doce vivendas sociais nas antigas casas dos mestres de Cerdedo e no vello centro médico de Carballedo ou o proxecto para o centro turístico e cultural Antonio Fraguas de Carballedo.
Relacionadas:
-
A recuperación dos Baños do San Xusto, un "soño colectivo" que xa é unha realidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Cerdedo-Cotobade prepara un plan turístico estratéxico coa Carballeira e Baños de San Xusto
Por Redacción |
-
Feijóo garante o compromiso da Xunta cos proxectos prioritarios para Cerdedo-Cotobade
Por Redacción |
-
Concello e Xunta avalan a "gran calidade" da rehabilitación dos Baños do San Xusto
Por Redacción |