Morre unha muller de 74 anos tras o incendio da súa vivenda na Avenida de Vigo
Por Alejandro Espiño
Unha muller de 74 anos faleceu tras o incendio que se rexistrou esta madrugada na súa vivenda, situada na Avenida de Vigo.
O incendio foi detectado sobre as catro e media da madrugada, segundo informa o 112 Galicia, despois de que un dos veciños chamase aos servizos de emerxencias. Espertou polo cheiro a fume que había na súa casa e notaba proídos nos ollos.
Aseguraba que o fume procedía dunha vivenda da segunda planta do inmoble, no que vivía soa unha septuaxenaria.
Ao chegar a Policía Local, os axentes xa apreciaron o cheiro a fume no portal do edificio e, ao subir ata o domicilio da vítima, viron que o marco da porta tiña un cerco de cor negra que fora producido polo fume.
Foron os Bombeiros de Pontevedra os que abriron a porta da vivenda e comprobaron que estaba chea de fume e coas luces apagadas. No interior dunha das estancias atopábase a muller inconsciente.
Tras sacala de casa e levala á rúa, os sanitarios do 061 trataron de reanimala sen éxito.
Os primeiros indicios, sinalan fontes oficiais, apuntan a que o incendio se orixinou no comedor da vivenda, nunha almofada eléctrica situada próxima a unha mesa auxiliar.
A causa exacta do incendio aínda está por determinar.
O lume arrasou o salón do domicilio, que ardeu por completo, aínda que toda a vivenda resultou afectada polo fume.