Obras, limpeza e servizos son as áreas nas que Poio abrirá procesos de contratación temporal
Por Redacción
O Concello de Poio anuncia que vai reforzar o seu cadro de persoal coa incorporación de 28 persoas en situación de desemprego mediante contratos temporais, que oscilarán entre os tres e os oitos meses.
O orzamento municipal para estas novas contratacións procede dos fondos correspondentes á liña 3 do Plan Concellos, impulsado pola Deputación de Pontevedra. O investimento solicitado nesta convocatoria para poder facer fronte a esta actuación ascende a máis de 235.000 euros.
O responsable da concellería de Persoal, Xosé Luís Martínez, avanza que varios departamentos pasarán a contar con novos traballadores, que empezarían a incorporarse aos seus postos entre finais de marzo e a primeira quincena de abril.
Máis do 50% das contratacións (15 contratos) serán para o grupo de revalorización de espazos públicos urbanos e de protección medioambiental municipal. Entran nesta categoría os dez operarios cos que se reforzará o departamento de Obras e Servizos, ademais de dous electricistas e tres condutores. Entre as tarefas que desenvolverán, figuran a rehabilitación de roteiros municipais, limpeza e roza de camiños e sendeiros ou mantemento de praias.
"Faise necesaria a formación dunha brigada que teña a punto os nosos areais durante o verán, dada a afluencia de visitantes que reciben nesta época do ano", recorda Xosé Luís Martínez.
Ademais, contémplase a incorporación de catro conserxes e tres persoas para reforzar traballos de limpeza nas instalacións municipais, como a propia Casa Consistorial, a Casa Museo de Colón ou o Centro Cultural Xaime Illa. A atención ao público ou a apertura e peche destes espazos, así como o incremento de labores de limpeza e desinfección, froito do contexto derivado da covid-19, tamén forman parte das actuacións que levarían a cabo.
Con respecto ao departamento de Servizos Sociais, o Concello de Poio aposta pola incorporación de dous auxiliares de clínica, un posto de técnico de Mocidade e un traballador social. "Desde a Casa Rosada se impulsan un gran número de actividades, iniciativas e proxectos, polo que se precisa persoal que asuma labores complementarios aos que xa se veñen realizando de xeito habitual a través do persoal fixo", apunta o concelleiro de Persoal.
Por último, o edil do BNG lembra que, como destino turístico de relevancia que é Poio a nivel galego e nacional, tamén se incorporará durante a tempada estival dous traballadores de Ciclo Superior de Turismo.
Coa área arqueolóxica da Caeira e as dúas oficinas turísticas en Combarro e no Casal de Ferreirós, estes reforzos "axudarán a cubrir a demanda que reclaman os visitantes" na achega de información ou a creación de itinerarios turísticos, finaliza Martínez Blanco.
Relacionadas:
-
Fomentar a reciclaxe durante o Nadal é o obxectivo dunha campaña do Concello de Poio
Por Redacción |
-
Limpan os máis de 600 contedores de lixo que hai en Poio
Por Redacción |
-
Poio inicia o proceso de contratación temporal de 28 profesionais de diversas áreas
Por Redacción |
-
Meaño contratará 16 novos traballadores nun plan de emprego
Por Redacción |
-
As obras do novo vial da Caeira estarán rematadas antes de verán
Por Redacción |
-
Poio contratará 24 traballadores a través do Plan Concellos da Deputación
Por Redacción |
-
Poio achega 250.000 euros á formación e a mellora da empregabilidade
Por Redacción |