Os arquitectos alegan contra o novo vial de Mollavao e reclaman desatascar o PXOM
Por Redacción
O Colexio de Arquitectos de Galicia presentou alegacións ao proxecto de construción dun novo vial de conexión entre a Avenida de Marín e a rúa Rosalía de Castro, no barrio pontevedrés de Mollavao.
No seu argumentario, o colectivo explica que o PXOM de Pontevedra, aprobado hai 31 anos, "non está adaptado á lexislación urbanística sectorial e técnica actual, nin tampouco a cartografía do plan representa a actual realidade, o que crea unha inseguridade xurídica importante".
Por iso reclaman a tramitación da novo PXOM, que prevía a creación dunha zona verde e unha zona de recheo en Mollavao, hoxe empregada como aparcamento disuasorio, que quedaría partido pola metade coa implantación deste vial.
O colexio explica que a finalidade dun PXOM "non é unicamente a cualificación do chan", senón a de ordenar o territorio así como de xerar espazos de calidade e seguros desde todos os puntos de vista: sustentabilidade, integración xeracional e de xénero, accesibilidade, interconectividad, patrimonioal e mediambiental.
Alegan ademais que a Lei de Estradas de Galicia limita a actuación directa da administración local en viais que estean no catálogo do seu plan municipal, pero non así á Deputación. Neste punto, o colexio considera que se fai uso da instrumentalización das competencias para este novo vial promovido polo ente provincial e que pasará a formar parte do viario municipal, aínda que non estea contemplado na súa PXOM.
Outro apartado no que basean a súa alegación é que o proxecto parte dun erro de base ao considerar os terreos como chan urbano, aseguran desde o COAG que se trata dun "chan rústico de especial protección de costas", como recolle o PXOM vixente.
Por todo iso, consideran no Colexio de Arquitectos que existen outras alternativas para situar este novo vial.
Por unha banda suxiren reforzar a conexión transversal e desvío cara á avenida de Marín coas rúas xa contempladas no PXOM na contorna da casa do mar. Outra opción pasaría por implementar criterios de deseño urbano cara Praceres, desviando parte do tráfico cara á rúa Ruibal.
A terceira posibilidade refírese a completar o viario a través da parcela de Malvar ou un vial orixinal cara á costa aproveitando a rotonda da autovía de Marín, mesmo por baixo da vía de ferrocarril xa existente.
"A actuación prevista provocará un dano ambiental, paisaxístico e social irreparable", rematan.
Relacionadas:
-
O Pazo Baión acollerá a entrega de premios do Colexio de Arquitectos de Galicia
Por Redacción |
-
Asemblea veciñal telemática para presentar a reforma da rúa Rosalía de Castro
Por Redacción |
-
O PP comparte co Colexio de Arquitectos a necesidade de elaborar un novo Plan Xeral
Por Redacción |
-
Así será a nova Rosalía de Castro, a 'peza clave' da reforma urbana de Mollavao
Por Alejandro Espiño |
-
O novo vial de Mollavao licitarase "canto antes" e prevese construír en 2021
Por Alejandro Espiño |
-
A nova rúa que unirá as estradas a Marín en Mollavao custará un millón de euros
Por Redacción |
-
A Xunta transfire a Pontevedra o primeiro treito da estrada vella a Marín
Por Alejandro Espiño |