A Xunta apoia proxectos de enerxías renovables en Vilagarcía, A Illa ou Caldas
Por Oskar Viéitez
A delegada territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Luisa Piñeiro, sinalou este venres que o Instituto Enerxético de Galicia (Inega), dependente da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, apoia aos concellos de Vilagarcía, A Illa de Arousa ou Caldas de Reis impulsando proxectos de enerxías renovables e eficiencia enerxética.
A representante autonómica informou da aprobación destas iniciativas, que serán cofinanciadas polo Goberno galego cunha achega media do 80%, nunha reunión telemática celebrada esta mañá con representantes destes municipios da área territorial.
Os proxectos aprobados consisten en actuacións de produción enerxética a partir de estufas ou caldeiras de biomasa e outros de aproveitamento solar fotovoltaico para a xeneración de electricidade en equipamentos públicos municipais.
O Concello de Vilagarcía é o máis beneficiado en termos numéricos coa concesión de tres para a instalación de estufas de aire de biomasa no Centro Cultural Breogán, o Centro Sociocultural de Guilán e a Escola Vilar en Bamio cun investimento total de 18.147 euros.
Tamén na bisbarra do Salnés outorgóuselle un proxecto ao Concello da Illa de Arousa para a instalación de 39 módulos de enerxía solar fotovoltaica na Escola Infantil A Galiña Azul orzamentados en 16.763 euros.
En Caldas de Reis, a Xunta concedeu financiamento para sufragar unha caldeira de biomasa, complementada cun silo de 6 toneladas e depósito de 1.500 litros, no Campo de Fútbol das Corticeiras, na que se investirán 29.423 euros.