Pais de nenos do Colexio San José colapsan Doctor Marescot e Mosquera ofrécelles unha zona de servizos en Arcebispo Malvar
Por Anxo Lourido
Ás 9 da mañá, mentres algúns dos escolares entraban no colexio San José acompañados polos seus pais, outros esperaban na Alameda. Os seus pais iniciaban alí unha protesta. Baixaban os seus fillos e deixaban os vehículos aparcados ata en tripla fila na rúa Marescot colapsando o tráfico que, neses momentos, pasaba por esa zona. Desta forma querían manifestar o seu malestar pola imposibilidade de acceder ao centro histórico para levar os seus nenos ao centro escolar.
Os pais afirman que a medida os colleu por sorpresa e que moitos dos nenos son demasiado pequenos para poder deixalos que vaian sós ata o colexio. Esta mañá, os alumnos foron acompañados por profesoras dende a Subdelegación do Goberno ata a Praza do Teucro mentres os pais se concentraban na entrada á Praza de España.
A protesta durou algo máis dun cuarto de hora. O tempo que lle levou á Policía local distribuír varios axentes na zona e ameazar con multar os vehículos que se encontraban mal aparcados.
Os axentes intentaron calmar aos pais e indicáronlles que o concelleiro de Mobilidade urbana, César Mosquera, os recibiría se se achegaban ata o Concello. Desta forma, os pais sumamente enfadados pola situación acudiron ata o edificio consistorial. Alí, César Mosquera mantiña unha reunión coa directora do colexio San José, María Jesús Mirón, e con dúas das nais afectadas.
Tras unha reunión dunha hora, a directora e as dúas nais manifestaron a súa satisfacción polo encontro. Mosquera indicoulles que o acceso ao centro histórico estará prohibido pero comprométese a habilitar unha zona de servizos para deixar aos nenos en Arcebispo Malvar ou na Praza do Peirao. Segundo a directora, a Policía local xa formulara estas zonas nunha reunión mantida o curso pasado pero, non obstante, nunca máis chegaron a saber do tema.
Estas zonas, segundo manifestaron as nais, si resolverían o problema actual. E a directora apuntou que as zonas alternativas que lles proporcionaban ata agora "siempre están llenas y no están solo para el Colegio".
Finalmente, o concelleiro César Mosquera anunciou este mediodia que a zona decidida como espazo para aparcamento de servizos estará situada na rúa Arcebispo Malvar e que "todo se debera a un malentendido". Los padres aardan que, desta forma, poida resolverse o problema e conten a partir de mañá cun espazo no que durante 5 ou 10 minutos poidan deixar os coches e mesmo, apuntou a que o colexio pode proporcionar os pais "una identificación del centro para que puedan estar acreditados". Dende a dirección do centro reclaman eses aparcadoiros de servizo ás 9, 14, 16, 17 e 18 horas tanto para a entrada e saída de clase coma para o comedor e actividades escolares. O concelleiro indicou que, como medida provisional, a Policía Local concederá as acreditacións.
Segundo a directora, ao redor de 50 pais trasladan os seus fillos ao centro en coche. O colexio San José conta con 210 alumnos.