Reclaman máis persoal de limpeza para o instituto de Poio
Por Redacción
A concellería de Educación vén de remitir un escrito á Xunta de Galicia para solicitar que proceda ao reforzo do persoal responsable das tarefas de limpeza no instituto de educación secundaria. A responsable deste departamento, a nacionalista Raquel Rodríguez, faise así eco dunha inquedanza que lle foi transmitida esta mesma semana por parte do tecido educativo, logo da celebración do consello escolar.
Un dos feitos que está a provocar malestar no instituto é o feito de que a Xefatura Territorial de Educación non dese resposta a esta petición, a pesar de ser trasladada directamente desde a comunidade educativa do IES en varias ocasións.
"Enviáronse ata tres escritos e non só non se deu resposta á demanda, senón que tampouco houbo contestación de ningún tipo. Non nos parece serio", critica Rodríguez Alonso.
A concelleira de Educación lembra que, se ben se están a realizar as pertinentes tarefas de limpeza e desinfección no IES, "a día de hoxe o persoal que se encarga destes labores é o mesmo que había antes de que comezase a pandemia. Tendo en conta a situación na que nos atopamos, entendemos que debe producirse algún tipo de reforzo, tanto para continuar garantindo o bo funcionamento deste servizo como para tamén non cargar ao persoal".
Raquel Rodríguez amósase sorprendida polo feito de que a Xunta de Galicia nin sequera se puxese en contacto coa dirección do centro, unha vez que se lle transmitiu esta inquedanza. "É incrible que non se teña producido ningunha resposta a día de hoxe, despois de tres escritos enviados", lamentou.
Deste xeito, a propia concellería acaba de remitir un novo escrito á administración autonómica para que tome cartas no asunto. "Nós imos seguir pendentes en todo momento das necesidades do noso tecido educativo para axudar a darlles resposta", garantiu.
Neste senso, a concelleira de Educación lembra que desde o Concello tamén se están a acometer tarefas de limpeza e desinfección nas entradas dos centros educativos do municipio, uns labores que se viron reforzados nas últimas semanas como parte do paquete de medidas impulsadas pola administración local, a maiores das decretadas pola Xunta de Galicia para tratar de frear a expansión da covid-19.