Animan a familias pontevedresas a que acollan nas súas casas a adolescentes con dificultades
Por Redacción
Contribuír a que adolescentes con dificultades vivan nun ambiente positivo que lles axude a modificar a súa conduta. Ese é o obxectivo do programa Convive.comigo. Desde a asociación Arela, responsables desta iniciativa, animan os pontevedreses a acoller a estes rapaces.
Julio Barreiro e Eva Piñeiro explican que este proxecto está destinado a conseguir que familias e persoas cunha alta sensibilidade cara á adolescencia convivan temporalmente con adolescentes con dificultades.
Son mozos ou mozas aos que o xulgado lles impuxera en sentenza unha medida de convivencia cunha persoa ou familia, para que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe.
Os requisitos son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, ter estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade, entre outros.
Á súa vez, valórase positivamente a formación relacionada coas ciencias sociais, a experiencia previa en programas de acollemento familiar e ter unha predisposición a ser formados en diferentes temáticas como adolescencia ou temas xurídicos.
O edil de Benestar Social, Marcos Rey, que se reuniu cos representantes de Arela, tamén animou ás familias de Pontevedra a acoller nas súas casas un destes adolescentes.
Rey lembrou que Arela ofrece unha formación grupal e individual, ademais de asesoramento, acompañamento de profesionais e un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que o adolescente permaneza coa familia ou persoa.
Os interesados poden obter máis información sobre este programa na páxina web de Arela, no teléfono 986 21 25 37 ou ben a través do correo electrónico convive@arela.org.
Relacionadas:
-
Pontevedra quere consolidar o 'banco' de familias dispostas a acoller menores con dificultades
Por Redacción |
-
Dúas familias marinenses interésanse no programa de acollemento de adolescentes que cumpren medidas xudiciais
Por Redacción |
-
O PP mantén un encontro con colectivos de axuda social e demanda ao goberno local máis investimento nesta área
Por Redacción |
-
Pontevedra súmase ao programa de Arela para buscar familias de acollemento para adolescentes
Por Redacción |