Deseñan en Pontevedra un sistema para coñecer a altura ideal de mesas e cadeiras nos centros educativos
Por Redacción
Co propósito de facer posible que os docentes poidan coñecer a altura que debería ter o mobiliario escolar sen necesidade de realizar medicións antropométricas, investigadores da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveron unha "sinxela ferramenta", que a través dunha táboa de cores, permite, sinalan, "calcular a altura ideal da cadeira e da mesa".
Trátase, como explica Iván Prieto, responsable desta iniciativa xunto co profesor Alfonso Gutiérrez, dun "sistema moi simple", consistente en dúas cartolinas con franxas de cores, cuxa efectividade foi posta a proba antes da pandemia nun estudo piloto realizado con preto de 300 estudantes de primaria e de secundaria, de entre 6 e 16 anos, detectando unha "correlación moi alta" cos resultados que se obterían realizando as medicións cun antropómetro.
Esta iniciativa dá continuidade a un proxecto de innovación educativa, coordinado por Prieto, que investigadores de Ciencias da Educación e do Deporte desenvolveron o pasado curso e no que buscaban achegar aos futuros profesores e profesoras que se forman nesta facultade a importancia que ten a correcta elección do mobiliario escolar.
De feito, un traballo de fin de grao realizado ao abeiro deste proxecto con máis de 100 alumnos dun centro de primaria permitiu constatar que máis do 90% utilizaban cadeiras e mesas dun tamaño superior ao que lles correspondería.
Son dúas ferramentas, ás que deron o nome de TAIS (Test Altura Ideal Silla) e TAIM (Test Altura Ideal Mesa).
A primeira consiste nunha cartolina que se coloca pregada sobre a mesa, para logo sentar enriba dela ao neno ou adolescente "coas pernas colgando nun ángulo de 90 graos e os pés paralelos ao chan", de tal xeito que o talón coincida coa franxa de cor que determinaría a talla da cadeira.
Unha vez definida esta, o TAIM, unha cartolina que se coloca sobre a parede, permite definir o tamaño da mesa, neste caso, sentando ao estudante, na súa altura ideal de cadeira definida previamente, e "poñendo o seu cóbado nun ángulo de 90 graos, tomando a medida xusto por debaixo". As imaxes destes dous modelos, explican desde o grupo de investigación, atópanse á disposición dos centros e docentes que queiran solicitalas para a súa impresión.
Esta ferramenta foi posta a proba por primeira vez, nun "estudo piloto" realizado antes da crise sanitaria provocada pola covid-19, cun grupo de preto de 100 estudantes de primaria do CEIP A Laxe de Marín e con case 200 alumnos de secundaria do IES A Xunqueira I, en Pontevedra.
Non obstante, a súa validación definitiva requiriría dunha mostra superior, de preto de mil estudantes en cada etapa.