Ravachol, 'confinado' na casa: Pontevedra renuncia á súa programación alternativa de Entroido

Por Alejandro Espiño
Nin Ravachol logrou sobrepoñerse á covid-19. Aínda que nun principio o popular loro ía presumir de plumaxe pola cidade, o imparable ascenso da incidencia da pandemia levou ao Concello de Pontevedra a suspender a súa programación alternativa de Entroido.
"Non podemos mandar mensaxes contraditorios á xente", explicou a edil de Festas, Carme da Silva. Lembrou que as autoridades están a recomendar aos cidadáns que se autoconfinen nas súas casas, polo que "non podemos decirlles que saian á rúa a festexar".
En coherencia cunha situación epidemiolóxica que, segundo Da Silva, alcanzou uns índices de contaxio "inasumibles" e "dramáticos", o goberno municipal suspenderá as dúas exposicións que ía organizar na Praza da Ferrería e na Praza de España.
Unha destas mostras ía reunir fotografías históricas do Entroido pontevedrés e a outra estaba centrada en Ravachol, o símbolo destas festas, e nas diferentes vestimentas que vestiu desde que en 1985 saíu á rúa por primeira vez.
Outra das actividades que se suspende é a colaboración co comercio local de Pontevedra, que ía colocar nos seus escaparates fotos de persoas anónimas gozando do Entroido, como unha forma de agradecer a súa participación permanente nestas festas.
Todo este material gráfico estará dispoñible a través da páxina web municipal.
Ademais, tampouco se colocarán as luces previstas en rúas e prazas da cidade para "non trasladar á xente que temos un ambiente festivo", dixo a responsable de Festas. Haberá que negociar coa empresa adxudicataria a rescisión do contrato.
Da programación habitual, xa suspendidos o desfile, a Mostra da Parodia, a Noite Pirata ou o concurso de murgas, só se salvara Ravachol. Iso si, sen enterro. Pero agora, aclarou Da Silva, o loro "tamén vai a quedar na casa".
Desde a páxina web do Concello os pontevedreses poderán entrar no domicilio de Ravachol "e ver como pasa esta situación", engadiu a edil do BNG, que apuntou que "antes de haxa un confinamento legal hai que facer un confinamento responsable".
O goberno municipal confía en que 2022 sexa o ano no que Pontevedra poida gozar do seu Entroido, un dos máis importantes das cidades galegas, "como sabemos facer".
Relacionadas:
-
Un Ravachol confinado convida os pontevedreses a gozar do Entroido desde a casa
Por Redacción |
-
Concurso-homenaxe a Ravachol nas redes sociais da Biblioteca Pública
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
'Vestindo o Ravachol', o concurso artístico infantil que pon en marcha o Museo de Pontevedra neste Entroido
Por Isabel Feijóo Gallardo |
-
Por San Valentín, Pontevedra namórase do seu comercio local
Por Manu Otero |
-
Vilagarcía non terá Entroido presencial e traslada a celebración ás redes sociais
Por Redacción |
-
Sanxenxo ultima un Entroido telemático con "chiscadelas" ás súas festas máis "retranqueiras"
Por Redacción |
-
Vilaboa suspende o Entroido de Cobres pola pandemia
Por Redacción |
-
Só Ravachol se salva da suspensión dun Entroido para o que "non se dan as condicións"
Por Alejandro Espiño |
-
Do Entroido pontevedrés directo á investigación contra o cancro: "é o momento de apostar pola ciencia"
Por Natalia Puga |