O plan estratéxico provincial de fondos europeos mobilizará 300 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera, presentaron este mércores en rolda de prensa telemática o plan estratéxico provincial de fondos europeos que inclúe 10 programas con 54 accións pensadas no horizonte 2021-2026. "Mobilizaremos 300 millóns de euros a curto, medio e longo prazo", dixo a presidenta.
Segundo sinalou Carmela Silva, desde que o presidente do Goberno Pedro Sánchez anunciase o plan de recuperación e resiliencia, na Deputación de Pontevedra levan un "intenso traballo de todas as áreas", aínda que "xa había moito avanzado desde 2015, consultando numerosos sectores da economía".
César Mosquera engadiu que "xa tiñamos moito traballado porque sabiamos por onde iamos ir. A pandemia ensinounos que somos moi vulnerables e que temos que facer un gran esforzo para non quedar atrás". Ademais insistiu o vicepresidente que "a Deputación de Pontevedra traballa para os concellos" e neste sentido para este luns está fixada unha reunión por videoconferencia "para xestionar ben".
Carmela Silva precisou que se lle dará aos concellos un prazo para achegar ideas e ademais comprometeu que "moverémonos entre os ministerios para defender o noso proxecto porque cremos que é moi grande".
Este plan integral estratéxico de fondos europeos está baseado na "transición verde, igualdade e cohesión territorial" e está en liña coa "políticas panca, coa política de cohesión europea e cos 17 obxectivos de desenvolvemento sostible". Ademais preténdese chegar con el a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes.
O primeiro programa deste plan é o de cohesión territorial, ao que se destina un orzamento de máis de 60 millóns. "É fundamental que todos os concellos teñan recursos e servizos", indicou Carmela Silva. Para iso construiranse novos equipamentos e dotacións innovadoras, sostibles, con enerxías alternativas para prestar servizos e dereitos. Ademais avanzarase na dixitalización para mellorar a prestación de servizos e fomentar a eficiencia na súa xestión.
O segundo programa está dirixido aos coidados e inclusión social e está dotado con 5 millóns de euros para "un novo modelo de coidados e corresponsabilidade" que aposte pola mobilidade inclusiva, pola teleasistencia intelixente, as cooperativas para o coidado ou o envellecemento activo no rural.
O terceiro é o programa de emprendemento e formación laboral con 13,5 millóns de euros, o cuarto dedícase ao de "turismo intelixente e sostible" con 16 millóns e o quinto programa destina 5 millóns de euros para a "Reacción Cultural" acordando co sector unha serie de iniciativas como os festivais de música, de cinema, de videoxogos, unha aposta polo audiovisual, ou medidas dedicadas á posta en valor do patrimonio arqueolóxico, o impulso de laboratorios creativos, ou programas de promoción do talento.
Co sexto programa "seguiremos afondando nunha administración eficiente e innovadora" e para iso órzanse 4,5 millóns de euros destinados a un Plan de modernización das entidades locais con aplicacións unificadas, dixitalización, ciberseguridad ou a modernización do organismo provincial de xestión de tributos coñecido como o ORAL e do sistema fiscal.
O sétimo programa é a acción destinada á "Axenda urbana e mobilidade sostible" cun orzamento global de 75 millóns de euros onde se inclúen iniciativas xa coñecidas como o Ágora, o Plan Móvese, e poténcianse outras como a mellora das infraestruturas do rural, converter en mobilidade verde infraestruturas en desuso, a mobilidade peonil e ciclista, ou as sendas litorais, entre outras medidas.
O oitavo programa aposta pola dixitalización, a eficiencia enerxética e a posta en valor dos recursos patrimoniais, cun orzamento de 46,5 millóns. Neste apartado inclúese o Museo de Pontevedra, a recuperación dos castelos da provincia ou a mellora enerxética de equipamentos.
O noveno programa está destinado ao sector primario, á economía circular, e á xestión dos biorresiduos para o que se destinan 20 millóns de euros e finalmente o décimo programa dedícase á "Transición verde" e a protección hídrica e forestal, con 15 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Investimentos de máis de 4 millóns de euros da Deputación en política social para facer fronte á crise
Por Anxo Lourido |
-
A Deputación aprobará o venres a folla de ruta da xestión turística da provincia para os vindeiros tres anos
Por Oskar Viéitez |
-
A terceira fase do Plan Móvese inclúe medio milleiro de actuacións na provincia
Por Alejandro Espiño |
-
A Deputación participa no proxecto europeo Greentour
Por Redacción |
-
A Deputación convida os concellos a incorporar propostas para captar Fondos Europeos
Por Oskar Viéitez |
-
Denuncian que os fondos europeos irán ás grandes empresas "que nos levaron a esta crise"
Por Redacción |