O persoal de limpeza de Montecelo quéixase do "sobreesforzo permanente" nas áreas de atención á covid-19
Por Oskar Viéitez
O secretario de organización de Comisións Obreiras en Pontevedra, Xosé Luís García Pedrosa, trasladou a queixa do persoal de limpeza Montecelo polo "sobreesforzo permanente" nas áreas de atención ao covid-19.
Sinalan que mentres no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo a empresa Acciona, adxudicataria deste servizo, puxo en marcha un reforzo de 14 traballadoras para a atención de luns a domingo nas áreas de atención aos pacientes covid, "no Hospital Montecelo apenas contratou persoal específico para estes servizos".
Afirma este sindicato que puntualmente se incrementa o persoal de limpeza nos servizos afectados pero que moitas veces é só por un período de tempo da xornada laboral e retirando a ese persoal doutras unidades de hospitalización nas que estaba a traballar.
García Pedrosa di que este persoal está a vivir no día a día do seu traballo "unha situación de permanente tensión" polo risco ao contaxio e "sen que teñan ningún tipo de compensación" como poden ser, máis descansos, retribucións por perigo e mesmo penosidade, apunta.
Tamén engade que "a empresa elude a súa responsabilidade de velar pola saúde do seu persoal" polo que cualifica a actuación que está a manter Acciona desde o inicio da pandemia como "irresponsable e deplorable".
Por último o secretario de organización de Comisións Obreiras denuncia que a empresa "nestas prácticas irregulares conta coa conivencia dos responsables do SERGAS que teñen que fiscalizar o cumprimento das súas obrigacións contraídas no Prego de contratación do servizo e no Convenio Colectivo, e que non o fan".
Relacionadas:
-
"Por un convenio digno. Acciona negocia xa!", clama o persoal de limpeza de Montecelo e o Provincial
Por María José Pita |
-
Limpadores ao límite: "en Montecelo dúas persoas de noite fan todo, quirófanos, covid, todo"
Por María José Pita |
-
Reclaman o plus de perigosidade para o persoal de limpeza do Hospital Provincial e Montecelo
Por Anxo Lourido |
-
Comisións Obreiras responsabiliza a Acciona dos contaxios que se poidan producir entre o persoal de limpeza do Sergas
Por Oskar Viéitez |