A "unidade de convivencia ampliada", unha solución da Xunta para as persoas que viven soas
Por Oskar Viéitez
Este martes pola noite o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou por unha banda o decreto e por outra a orde que fixa as novas restricións para o próximas tres semanas. Estarán en vigor desde as 00.00 horas do día 27 de xaneiro e ata o 17 de febreiro.
A maioría das medidas son xa coñecidas pero o DOG inclúe unha serie de novidades como a referida ás persoas que viven en solitario. Pensando nelas, a Xunta crea a "unidade de convivencia ampliada", que lles exime da norma que limita as reunións a só conviventes. Iso si, "cada unidade de convivencia pode integrar soamente a unha única persoa que viva soa". Por exemplo, pode ser o caso dun fillo emancipado ou a avoa que vive soa.
Outra excepción a esta norma está pensada nos menores de idade cuxos proxenitores non conviven no mesmo domicilio.
O decreto tamén permite "a reunión de persoas con vínculo matrimonial ou de parella cando estes vivan en domicilios diferentes". É dicir, aquelas persoas que estean casadas ou sexan parella poderán reunirse aínda que vivan en domicilios diferentes.
E séguese permitindo a reunión para o coidado, a atención, a asistencia ou o acompañamento a menores de 18 anos, persoas maiores ou dependentes, con discapacidade ou especialmente vulnerables.
Aínda que a recomendación é que se opte pola reunión telemática séguense permitindo as reunións por actividades laborais, institucionais, empresariais, profesionais, sindicais, de representación de traballadores e administrativas, actividades en centros universitarios, educativos, de formación e ocupacionais, "sempre que se adopten as medidas previstas nos correspondentes protocolos de funcionamento".
Estas son, con respecto ás medidas anunciadas por Núñez Feijóo o pasado luns, as grandes novidades que desvela o DOG sobre estas novas restricións.
Polo demais, o esperado. Como o peche perimetral de todos os concellos de Galicia, nos que non se poderá entrar nin saír salvo por causas xustificadas. Ou o toque de queda, que se mantén fixado entre as 22:00 e as 06:00 horas.
A hostalería, a partir deste mércores, estará pechada. Só poderán manter a súa actividade para servizo a domicilio e, como máximo, ata as 00:00 horas.
Os comercios terán que pechar as súas portas ás 18:00 horas e terán que limitar o seu aforo ao 50%. A excepción serán os establecementos esenciais como supermercados, tendas de alimentación, farmacias, panaderías ou gasolineiras, que poderán pechar ás 21:30 horas.
Estas mesmas limitacións serán para os centros comerciais, que deberán pechar ademais sábados, domingos e festivos.
Tamén pechan os ximnasios, piscinas ou centros deportivos. No caso da actividade deportiva ao aire libre terá que ser individual ou con persoas conviventes e a máscara tamén pasa a ser obrigatoria, mesmo para correr na rúa.
Este peche temporal esténdese, entre outras actividades, aos cines, teatros, auditorios, centros sociais, salóns de xogo, museos, bibliotecas ou salas de concertos
Pola súa banda, as autoescolas, academias e centros de formación non regrada poderán seguir impartindo clases presenciais, pero cun aforo limitado ao 50%; e os hoteis só poderán aloxar a visitantes que se despracen por causas xustificadas.
FUMAR, COMER OU BEBER NA VÍA PÚBLICA
O texto do DOG tamén indica que só se poderá beber, comer ou fumar na vía pública, baixándose a máscara cando a persoa "efectúeo parada e fóra dos lugares habituais de circulación dos viandantes, de tal maneira que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar poida garantirse o mantemento, en todo momento, da distancia de dous metros con outras persoas".
VELORIOS E ENTERROS
Os velorios poderán realizarse en todo tipo de instalacións, públicas ou privadas, debidamente habilitadas cun límite máximo, en cada momento, de 5 persoas por túmulo, excepto conviventes, e 15 persoas no exterior.
A participación na comitiva para o enterro ou despedida para cremación da persoa falecida restrínxese a un máximo de quince persoas non conviventes, entre familiares e achegados, ademais de, no seu caso, o ministro de culto ou persoa asimilada da confesión respectiva para a práctica dos ritos funerarios de despedida do defunto.
Os servizos de hostalería existentes nos establecementos funerarios permanecerán pechados ao público.
LUGARES DE CULTO
O aforo máximo dos espazos destinados ao culto deberá publicarse nun lugar visible dos mesmos. Non se poderán realizar actuacións de coros o agrupacións vocais de canto. Non se permitirá o uso de auga bendita e as ablucións rituais deberán realizarse en casa. Durante o desenvolvemento das reunións ou celebracións evitarase o contacto persoal, tocar ou bicar obxectos de devoción ou outros obxectos que habitualmente se manexen.
Relacionadas:
-
Reactivan o servizo de auxilio a domicilio as 24 horas para emerxencias vinculadas a persoas maiores
Por Redacción |
-
Os salóns de peiteado e centros de estética poderán manter o seu horario e abrir ata as 21.30
Por Natalia Puga |
-
Feijóo alerta de que a progresión do virus "preocupa" porque Galicia ten "menor inmunidade"
Por Natalia Puga |
-
Lores lamenta os "titubeos" e os "bandazos" na xestión da pandemia
Por Alejandro Espiño |
-
Sen público nas bancadas durante as tres próximas semanas
Por Diego Espiño |
-
Galicia limita as reunións só aos conviventes, pecha hostalería e ximnasios, os comercios só abrirán ata as seis
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada