Un raio esnaquiza unha casa en Ponte Sampaio cunha muller de 84 anos dentro: "foi unha cousa de espanto"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
3.50 horas da madrugada. María, de 84 anos, atópase soa na súa casa porque, a pesar de que as súas fillas lle insisten en que se mude con elas, prefire non deixar o seu fogar. Leva horas sen luz nin teléfono nunha madrugada na que o temporal 'Hortense' está a deixar fortes refachos de vento e derrubando árbores en toda a contorna. De súpeto, un raio ilumina o ceo e a mala sorte quere que acabe no seu tellado. Entra pola xanela, rompe a placa e vai directamente á habitación na que dorme.
María utiliza un audífono porque ten problemas de audición e nese momento non o tiña posto, de modo que se decata do estrondo, pero non en toda a súa dimensión. Á vista dos danos, sae de casa para buscar axuda, pero non ten teléfono e os timbres dos veciños non funcionan porque non hai subministración eléctrica. Finalmente, unha veciña que se dirixía ao traballo atópaa na rúa e a axuda para contactar cunha das súas tres fillas, que vai recollela.
Todos estes feitos ocorreron na madrugada do 22 de xaneiro no lugar do Rañadoiro, na parroquia pontevedresa de Ponte Sampaio, e as súas consecuencias son perfectamente visibles aínda, pois o raio do que María saiu ilesa esnaquizou a súa casa. O tellado quedou roto dun lado ao outro, varias xanelas explotaron, tanto na placa da vivenda como noutra parede hai un buraco e a instalación eléctrica ha quedado inservible.
PontevedraViva puido confirmar a historia a través dunha das tres fillas de María, que relata que "foi unha cousa de espanto" e recoñece a boa sorte que tivo a súa nai, pois "doutras cousas máis pequenas, morres".
A súa nai está agora na casa dunha irmá á espera de que a casa poida arranxarse. As obras xa empezaron, pero xa van para longo, pois, por exemplo, o tellado hai que cambialo practicamente por completo e a instalación eléctrica tamén require unha renovación total antes de que María regrese a casa.
A súa filla relátanos o ocorrido. O raio "entrou pola ventana do faiado, fixo un boquete na placa, foi á súa habitación, recorreu o cable da antena da televisión, reventou dúas ventanas, persianas, todo...". Por fortuna á súa nai non lle pasou nada, aínda que si quedou "aturdida do ruído" porque "rompeu todo, explotou todo".
Ademais, as súas fillas non lle relataron todos os danos ocasionados."Ela non sabe o mal que ten a casa, senón volveríase tola", explica a súa filla Marina, que tamén agradece que, aparentemente, a estrutura da casa non está afectada e non se ve ningunha greta nas paredes.
A madrugada do 22 de xaneiro non a esquecerán Marina nin as súas fillas, pero tampouco o resto de veciños do Rañadoiro. Amador, que reside a escasos metros desta casa esnaquizada, lémbrao aínda asombrado. "Aquilo parecía que rebentou, parecía que fora unha bomba", lembra daquel raio.
Hora antes, sobre a medianoite, sentiran varios raios e tronos, pero ningún de tanta intensidade. "Miña nai querida", lembra, "foi algo demasiado, nunca se acorda unha cousa así, foi unha cousa como se fora unha bomba".
Mirando cara á casa de María e os danos ocasionados reflexiona que "non sei como sobreviviu a iso" e lamenta todas as desfeitas. "Mirar iso dá pena, dá calafríos", recoñece, e engade que a súa veciña pasou un mal intre porque, ademais do ocorrido na súa casa, "non había nin luz, chamaba aos veciños e non había luz e o timbre non funcionaba".
Os danos daquela noite aínda se sufrían o martes, cando seguían sen luz nin teléfono, e houbo casas moi afectadas, como unha na que a tormenta esnaquizou tres televisores, a placa vitrocerámica, dúas lavadoras e a caldeira da calefacción. Ademais, os contadores da zona quedaron moi danados. "Nunca se acorda iso", asegura.
Relacionadas:
-
'Hortense' fai voar un tellado dun edificio en Lourido
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Despídese o temporal Gaetán e deixa paso á evocadora borrasca Hortensia
Por Redacción |