Os marinenses reciclan cada ano máis e mellor
Por Redacción
A reunión mantida este martes pola concelleira de Medio Ambiente do Concello de Marín, Marián Sanmartín, con representantes de Ecoembes para analizar a situación do municipio en canto á recollida selectiva de residuos presentou datos máis que satisfctorios para o conxunto da poboación. Cada vez son máis os marinenses que reciclan e que o fan dunha forma correcta.
No 2011, a porcentaxe de residuos impropios detectados en contedores amarelos era do 65%, no 2016 esa porcentaxe caeu ata o 45%, mentres que no 2019 reduciuse ata o 20%. "Isto demostra que os colectores nos que investimos na nova licitación resultaron efectivos e queremos agradecer tamén á sociedade marinense a súa implicación por reciclar cada vez máis e mellor", declarou Sanmartín.
Así mesmo, a tendencia á alza na reciclaxe de todos os residuos é constante. A recollida de papel e cartón subiu preto dun 90% entre o 2019 e o 2020, pasando dos 221.358 aos 348.060 quilogramos. "Unha das cousas que máis axudou a este aumento tan significativo é a dotación que fixemos en practicamente todas as illas do colector de papel e cartón", argumenta Sanmartín.
No colector amarelo a tendencia tamén é positiva ao pasar dos 438.900 quilos do 2019, aos 490.600 do 2020.
Para mellorar estes datos, o goberno local leva a cabo campañas periódicas de concienciación á cidadanía, tamén durante grandes eventos como as festas da vila.