Mape Asesores doa 200.000 máscaras ás familias necesitadas de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A firma pontevedresa Mape Asesores S.A. acaba de doar 200.000 máscaras de protección ao Concello de Pontevedra para a súa distribución entre familias necesitadas.
En concreto, a firma situada no Polígono de A Reigosa-O Campiño fixo entrega de 100.000 unidades de máscaras cirúrxicas e 100.000 unidades de máscaras hixiénicas reutilizables (ata 10 lavados) valoradas en 78.000 euros.
O concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, achegouse ata os almacéns da Casa Azul e do Banco de Alimentos para supervisar a chegada destas máscaras e sinalou que estes elementos de protección "serán distribuídos ás familias de Pontevedra que máis o precisan, directamente e a través de diversas entidades sociais".
"Agradecemos enormemente a xenerosa doazón realizada pola firma de Gumersindo Cachafeiro. Estas máscaras serán de especial utilidade nun momento como o que estamos a padecer, en pleno pico da pandemia en Galicia", subliñou o concelleiro.