Defensa convoca 233 prazas na escala de tropa e mariñeiría para os seus centros de Galicia e norte de España
Por Redacción
O Ministerio de Defensa anuncia a convocatoria dun primeiro ciclo de selección neste ano 2021 para o ingreso como militar profesional da escala de tropa e mariñeiría das Forzas Armadas. O total ofertado ascende a 3.340 prazas, distribuídas entre o Exército de Terra (2.150), a Armada (550) e o Exército do Aire (640).
Das prazas para o Exército de Terra, os estranxeiros procedentes de países cos que España ten un convenio de colaboración poden optar a 64 en concorrencia cos nacionais.
Desas prazas, en Galicia e zonas próximas, o Exército de Terra convoca para unidades da Brigada de Infantería Lixeira "Galicia VII” (BRILAT), 30 en Figueirido (Pontevedra) e 88 en Siero (Asturias), así como prazas na Forza Loxística Operativa (A Coruña) e distintas unidades na provincia de León.
A Armada convoca 99 prazas para buques e unidades da zona norte (Ferrol, Tui, Marín, San Sebastián, Bilbao) e Terzo Norte de Infantería de Marina. Pola súa banda, o Exército do Aire convoca 16 prazas das cales unha é para o Aeródromo Militar de Santiago, 4 para o Escuadrón de Vixilancia Aérea de Noia e 11 para a Academia Básica do Aire en León.
Para abordar esta convocatoria púxose xa en marcha na área de recrutamento da Subdelegación de Defensa en Pontevedra o proceso de selección rexido por un sistema de concurso oposición.
No documento oficial da convocatoria recóllense as condicións para poder participar no proceso, entre as que cabe destacar que é necesario ter cumpridos 18 anos e non superar a idade máxima de 29 anos, carecer de antecedentes penais e non ter aberto ningún procedemento xudicial por delito doloso e estar en posesión dos niveis de estudos ou da titulación esixida que como mínimo será o de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria ou os seus equivalentes.
Para participar no proceso selectivo é necesario solicitar cita previa, para o que se dispón desde o 26 de xaneiro ao 8 de febreiro. Dita solicitude de cita poderase realizar persoalmente ou por correo certificado nas areas de recrutamento, oficinas delegadas ou oficinas ou puntos de información dependentes das Subdelegacións de Defensa (en Pontevedra: Paseo de Cervantes, 3).
Tamén poderá solicitarse nas unidades, centros e organismos do Ministerio de Defensa e da Garda Civil e outros organismos oficiais, así como por vía telefónica nos números 902432100 e 913089798 ou a través da páxina web do Ministerio de Defensa.