Lores lamenta os "titubeos" e os "bandazos" na xestión da pandemia
Por Alejandro Espiño
As novas medidas anunciadas polo presidente da Xunta, que inclúen duras restricións en toda Galicia, "chegan claramente tarde", segundo lamentou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, nunha declaración institucional.
"Agardo que cheguen a tempo para evitar males aínda maiores", engadiu Fernández Lores, que asegurou que desde Pontevedra "hai moito tempo que levamos dicindo que había que tomar medidas máis drásticas" para reducir a mobilidade dos cidadáns.
O rexedor pontevedrés apunta que "por fin" tras moitos "titubeos" e "bandazos" da Xunta de Galicia aumentáronse estas restricións. Pero nesta xestión "errática", Lores tamén inclúe ao Estado español, ao que lle achaca que non haxa "protocolos claros" de actuación.
Fernández Lores asegura que "só o colapso dos hospitais" levou ao goberno galego a endurecer as restricións e censurou que a "escusa" fora sempre non empeorar a situación económica.
"Está demostrado que a economía empeora máis canto máis se tarde en actuar", afirmou o alcalde de Pontevedra, que reitera que estas novas medidas deben ir acompañas de compensacións económicas aos sectores máis afectados como a hostalería ou o comercio.
Só cun maior control sobre o virus e cunha vacinación masiva, segundo o alcalde, "poderemos volver á normalidade" e á senda do crecemento económico.
Relacionadas:
-
A "unidade de convivencia ampliada", unha solución da Xunta para as persoas que viven soas
Por Oskar Viéitez |
-
Continúa a escalada: 216 novos contaxios por covid-19 na área sanitaria nas últimas horas
Por Redacción |
-
Pontevedra, Poio e Sanxenxo, á cabeza do incremento dos contaxios por covid-19
Por Alejandro Espiño |
-
Galicia limita as reunións só aos conviventes, pecha hostalería e ximnasios, os comercios só abrirán ata as seis
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A área sanitaria alcanza os 1.818 pacientes con infección activa de coronavirus
Por Oskar Viéitez |