O mal tempo obriga a realizar arranxos de afundimentos e reforzo de muros no rural pontevedrés
Por Redacción
O inverno está a provocar incidencias na rede viaria do municipio en diferentes parroquias. Durante estes días, a concellería de Coordinación do Rural, que xestiona o concelleiro Alberto Oubiña, desenvolve pequenas obras para resolver estes problemas.
As accións consisten fundamentalmente en arranxar pequenos afundimentos, reforzo de muros de contención, limpeza de cunetas e de drenaxes. Estes traballos realízanse dentro do contrato de mantemento de espazos rurais.
Este contrato establece que se realicen actuacións menores de maneira eficaz e rápida das vías e espazos públicos municipais ao tratarse de casos que repercuten na vida diaria dos residentes na zona.
Ademais estanse realizando obras de maior tamaño que xa estaban previstas en nove parroquias. En Salcedo, en Carramal, está a levantarse un muro de contención para dotar de maior estabilidade a plataforma de accesos. O orzamento supera os 33.380 euros e o proxecto contempla mellorar a seguridade viaria e evitar o risco de desprendemento que se producía na pista parroquial.
En Areás, parroquia de Mourente, e en Carballa, en Salcedo, os operarios arranxan muros de contención danados polas choivas. En Cabaleiro, Campañó, realizan obras para solucionar o afundimento dunha pista.
Durante as próximas semanas, a previsión de traballos inclúe a reparación dun muro en Pazos, Marcón; a solución dos problemas en drenaxes da Meán - A Costa, en Cerponzóns; resolución de fochancas en Lérez en zonas como Casaldorado, a contorna do centro de saúde e Outeiro. Nesta mesma parroquia resolverase o problema de rede de sumidoiros na entrada de Ramallás.
Nas últimas semanas actuouse nas cunetas de Canicouva e en Lourizán; resolvéronse problemas de fochancas en Couso e A Gándara; tamén foron reparados bolardos na contorna do colexio de Praceres e encheuse a base de árbores no exterior do centro social de Salcedo.