Vilaboa lanza unha liña de axudas directas para a hostalería local
Por Redacción
O goberno local de Vilaboa traballa en varias liñas de apoio a hostalaría local, cumprindo o compromiso acadado co sector nas xuntanzas mantidas cos propietarios dos establecementos do Concello.
Nos vindeiros días o Concello publicará unha orde de axudas en réxime de concorrencia competitiva que estará dotada cunha partida de 20.000 euros e que podería ser ampliable de ser necesario. Esta liña de axudas, que o Concello desenvolve en colaboración coa Deputación de Pontevedra, financiará o 90% dos conceptos subvencionables cun límite de 1.500 euros por establecemento.
Os conceptos para os que poderán solicitarse as axudas son a modernización tecnolóxica (páxinas web, redes sociais, comandas dixitalizadas, posicionamento SEO ou marketing online); a identificación e visualización exterior dos negocios (cartelería, rótulos ou iluminación) e para ambientación interior e exterior dos locais (música ambiente, pantallas LED ou son).
Para acceder ás mesmas, unha vez que se publiquen as bases reguladoras e no prazo dun mes, os establecementos poderán presentar as solicitudes xunto cun orzamento valorado do investimento no Rexistro do Concello.
César Poza, alcalde de Vilaboa, confía en que a orde esté rematada nos vindeiros días e anima a todos os establecementos afectados pola covid-19 a solicitalas. A dixitalización é unha das asignaturas pendentes do sector e César Poza considera que estas liñas de axuda permitirán aos locais de Vilaboa aproveitar as ventaxas das visibilización dixital.
"A estas alturas todo o mundo é consciente do importante que é estar na internet e nas redes sociais, pero sempre se vai deixando para máis adiante, por non ter suficiente pulmón financeiro. Pois agora é o momento", dixo o alcalde.
Con este impulso agarda que a hostalaría local poida "modernizar e facer máis atractivos os seus negocios" e poñer a disposición de todos ferramentas "que axudarán aos establecementos a estar na vangarda tecnolóxica".
Por outra parte, no orzamento para o ano 2021 que está elaborando o grupo de goberno municipal, reservara unha partida orzamentaria de 25.000 euros para dotar ao tecido comercial de Vilaboa máis afectado pola pandemia da covid-19 de ferramentas que lle permitan superar as drásticas consecuencias da crise sanitaria e potenciar a súa competitividade.
Esta partida dará resposta tamén ao compromiso adquirido cos hostaleiros de Vilaboa para facer unha campaña de promoción e difusión dos locais radicados no municipio, con folletos publicitarios, promoción en redes e na páxina web do Concello, de xeito que todos os visitantes coñezan os atractivos turísticos de Vilaboa e o abano de servizos en materia de aloxamento e restauración que ofrece o municipio.
Cando a situación sanitaria o permita, o goberno local tamén ten previsto levar a cabo distintas iniciativas para reactivar a actividade e o consumo con campañas e concursos que promovan o consumo no comercio local.