Benestar Animal prepara unha ordenanza para que as colonias felinas estean controladas
Por Redacción
O concelleiro de Benestar Animal, Marcos Rey, achegouse este venres ata a Clínica Veterinaria Mourente para preocuparse polo estado de saúde do gato Balín, atopado malferido tras ser disparado cunha escopeta de proxectís na contorna da avenida de Juan Carlos I.
Na súa visita, anunciaba que o seu departamento está a traballar dende finais de 2020 na elaboración dunha ordenanza municipal de benestar animal "que regulará cuestións como a necesidade de que as colonias felinas estean perfectamente definidas e controladas, que só as poidan alimentar persoas autorizadas identificadas con carné ou que se empregue unicamente penso seco para alimentar aos animais e non se esparza polo chan".
En canto ao gato Balín, o concelleiro manifestaba que "os danos foron graves, pero agardamos que poida recuperarse de todo", tras ser informado de que o felino superara con éxito a operación á que foi sometido.
Como xa fixeran os responsables do colectivo Difusión Felina, Marcos Rey volveu pedir colaboración cidadá para dar co autor "deste acto de falta de humanidade e de extrema crueldade" e asegurou que a súa concellería fará todo o posible para que esta acción non quede impune.
Neste sentido, o edil do PSOE lembrou que o artigo 39 da Lei 4/2017 de Protección e Benestar dos Animais de Compañía contempla multas de entre 501 e 5.000 euros por sancións graves, "entre as que se inclúen maltratos que lles causen dor, sufrimento ou danos".
Relacionadas:
-
Benestar Animal espera ter un censo de colonias felinas a partir da vindeira semana
Por Redacción |
-
Denuncian a aparición de tres gatos envelenados en Mollavao e outro, en Vilaboa, cun proxectil na columna
Por Redacción |
-
Piden colaboración para encontrar a persoa que disparou contra un gato na contorna de Juan Carlos I
Por Redacción |