Cuntis mellorará a sinalización e a información dos recursos turísticos de carácter relixioso
Por Redacción
Poñer en marcha un novo proxecto de divulgación e potenciación de diferentes elementos do patrimonio relixioso é o novo obxectivo do Concello de Cuntis e así paliar a falta de información que existe sobre algúns dos elementos presentes no municipio.
Para iso, o Concello acometerá unha actuación de mellora da sinalización destes bens grazas á subvención da Deputación de Pontevedra por valor de 5.761,59 euros, afectando a 15 recursos patrimoniais distribuídos por todo o municipio entre os que se atopan cemiterios, templos parroquiais e conventuais, ermidas, capelas e santuarios. A axuda está dentro da orde para mellora e rehabilitación do patrimonio histórico-cultural.
O concelleiro de Turismo e Patrimonio, Martín Álvarez, explicou que "con este proxecto queremos poñer en valor e divulgar o extenso e valioso patrimonio cultural de carácter relixioso do que gozamos en Cuntis, para dalo a coñecer entre os visitantes e poñelo en valor". Así mesmo, indicou que con esta mellora, "favoreceremos a descentralización do turismo do casco urbano e, ademais de potenciar estes bens históricos, axudaremos a descubrir recunchos de gran beleza paisaxística espallados polo noso rural".
Esta mellora será mediante paneis visuais e tecnolóxicos que incluirán unha ficha patrimonial e códigos QR, permitindo ao visitante obter unha información ampliada acerca do ben patrimonial e ao mesmo tempo promocionar a nova web de Turismo de Cuntis. Deste xeito, promocionarán e difundirán o patrimonio ao tempo que xerarán unha estatística acerca do interese que xera este tipo de bens no turista que visita Cuntis.
Como indica Martín Álvarez, "unha boa acollida posibilitaría a creación de novas rutas de sendeirismo o que potenciaría aínda máis a nosa aposta por ser un destino de natureza e saúde e xeraría novas oportunidades". "Resulta de vital importancia que o visitante que chega o noso concello non atope problemas ou trabas para chegar ao punto que busque”, indica o edil.
Os elementos que elixiu o Concello entre cemiterios, templos parroquiais e conventuais, son a igrexa de Santa María dos Baños de Cuntis, Santa María de Cequeril, San Miguel de Couselo, San Fins de Estacas, San Mamede de Piñeiro, Santa Baia de Portela, Santa María de Troáns e San Bieito de Pereira .
Por último, entre as Ermidas, capelas e santuarios sinalizarase o San Ramón da Anllada, o San Ramón de Mesego, o Santa Lucía de Magán, o Magdalena de Meira, o Santiaguiño da Ermida, o Santo Ildefonso de Troáns e o Nosa Señora dos Castro Loureiro.
Relacionadas:
-
Cuntis poderá usar a casa reitoral de San Fiz de Estacas para actividades culturais
Por Redacción |
-
As obras de saneamento en San Miguel de Couselo empezarán a próxima semana
Por Redacción |
-
Aprobado o orzamento de Cuntis para 2021 con máis de 4 millóns de euros
Por Redacción |
-
Varios colectivos de defensa do patrimonio rexeitan a actuación no Castro da Subidá
Por Oskar Viéitez |