Reducen a 30 km/h as estradas urbanas de titularidade municipal de Caldas
Por Redacción
A instalación de sinais de limitación de velocidade a 30 km/h en todas as rúas urbanas de titularidade municipal de Caldas de Reis está chegando o seu fin. Desenvolvidos polo persoal do Servizo Municipal de Obras coordinadamente coa Policía Local, buscarán seguir avanzando nunha mobilidade urbana máis sostible e máis segura, favorecendo os espazos de convivencia nos que o coche ceda protagonismo ao peón ao tempo que se incrementa o respecto ao medio ambiente. Os traballos chegarán á totalidade de vías e rúas urbanas municipais aínda que agardan que o plan sexa aínda máis ambicioso, abarcando as estradas urbanas pertencentes a outras administracións.
A iniciativa está dentro das propostas de calmado de tráfico recollidas no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) de Caldas de Reis aprobado en 2019, onde marcan as liñas a seguir para impulsar os cambios necesarios na mobilidade urbana baixo criterios de sustentabilidade. O PMUS destaca que a redución da velocidade a 30 km/h nas rúas de Caldas permitirá mellorar a convivencia entre os diferentes medios de transporte e desprazamento, confontando ás veces os tramos urbanos con importantes fluxos peonís.
Tamén ten un claro compoñente dirixido á mellora da seguridade viaria que, como indica o PMUS, debe ser un dos obxectivos principais a acadar tanto nas vías urbanas como nas conexións coas parroquias. A redución da velocidade tamén ten un marcado compoñente medioambiental ao favorecer a redución do consumo enerxético e das emisións producidas polos vehículos a motor, permitindo avanzar nos obxectivos marcados no Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía ao que está adherido o Concello de Caldas de Reis.
Manuel González, concelleiro de Medio Ambiente, explicou que se trata dunha "aposta do goberno municipal por actuacións que teñen o obxectivo de implantar formas de desprazamento máis sostibles no espazo urbano, reducindo o consumo enerxético e as emisións contaminantes ao tempo que se mellora a calidade de vida da cidadanía". Ademáis, considera que Caldas ten o compromiso de traballar polo benestar da veciñanza e "reducir a velocidade dos vehículos a motor é un paso moi necesario".
Pola súa banda, o alcalde, Juan Manuel Rey, recalcou que a medida "suavizará o tráfico urbano e contribuirá de maneira moi significativa a mellorar a seguridade viaria en toda a vila". "Unha menor velocidade dos coches significa unha maior seguridade para todos e iso repercutirá na redución do número de accidentes e atropelos como xa se ten demostrado noutras cidades e vilas nas que se implantou esta medida", explicou o rexedor.
"A xestión da velocidade é unha das ferramentas máis eficaces para fomentar a seguridade viaria nun contexto no que se dan moitas distraccións vinculadas ao uso do móbil. Ademais, queremos que Caldas de Reis, que xa conta con moitos metros cadrados peonís, sexa unha localidade aínda máis amable co peón e se converta en todo un referente na recuperación dos espazos públicos para a cidadanía”, concluíu Rey.
Relacionadas:
-
Caldas reduce a 20 por hora a circulación nunha decena de rúas do centro da vila
Por Redacción |
-
A provincia rexistrou en 2020 a mesma siniestralidade mortal que o ano anterior a pesar da redución da mobilidade viaria
Por Oskar Viéitez |
-
Os 'Concellos Ágora' en Pontevedra implantarán a zona 30 de xeito "inminente"
Por Redacción |