Paulo Fontán, presidente de Amizade: "En época de crise, as persoas con discapacidade levamos as de perder"
Por Anxo Lourido
Todos os anos, a asociación de persoas con discapacidade Amizade convoca unha xornada para os seus socios para practicar o deporte da pesca nas Corbaceiras. Alí encóntrase o seu presidente, Paulo Fontán, cunha cana entre as mans á espera de que pique algún peixe da ría. "Con esta actividade buscamos alternativas de ocio a persoas con discapacidade e visibilizar que as persoas con discapacidade poden disfrutar igual que calquera outra sempre que as condicións de accesibilidade llo permitan", explica Paulo, "esta zona é accesible e temos a seguridade da valla e a pesca é favorable para persoas con discapacidade é unha motivación terapeutica a persoas con dificultades nas mans para mellorar a autonomía".
Paulo Fontán recoñece que nos últimos anos a percepción social sobre a discapacidade cambiou moito: "agora non o esconden na casa para que ninguén o vexa" pero tamén insiste en que quedan moitas cousas por mellorar porque a pesar de que as leis xa os recoñecen dereitos que levaba reclamando tempo, outra cousa é que se cumpran: "As veces, a nivel urbano se ten mellorado porque as normas son máis claras e exisentes pero hai sitios onde hai rampas mal feitas. Por exemplo, a subida a Monte Carrasco está o punto de distancia de seguridade mal en todos os pasos de peóns e vamos tentar ter unha reunión na Deputación para ver se se pode solucionar. A pregunta é: por que non se solucionou cando se fixo? A veces por deixadez ou por descoñecemento da normativa".
A asociación Amizade conta agora con 120 socios, case todos da bisbarra pontevedresa. Ao longo do ano realizan talleres de mellora de habilidades manipulativas, cursos de informática e durante o verán realizan actividades como a visita á ría de Arousa en catamarán adaptado. Pero sobre todo o seu traballo céntrase na sensibilización social e política. A través de charlas en centros de secundaria intentan que os máis novos saiban utilizar a terminoloxía correcta en relación coas persoas que sofren algunha discapacidade. Tamén manteñen charlas con responsables políticos e técnicos para que se lles teña en conta á hora de tomar decisións.
INSERCIÿN LABORAL
Neste sentido, Paulo Fontán fai referencia ás dificultades que encontran as persoas con discapacidade para encontrar traballo nesta época de crise: "Tradicionalmente, xa temos un nivel de paro que duplica ao do resto da sociedade. En época de crise como teoricamente as persoas con discapacidade rinden menos temos máis dificultades, pero é só teoricamente. Hai datos oficiais da Administración que demostran que non é así. Pero somos os primeiros en levar as de perder, aos que primeiro botan". Indica que dende o punto de vista político hai axudas á contratación que poderían estar mellor estructuradas para esta época tan difícil.
Por iso buscan que as distintas administracións públicas contribúan coas causas sociais a través de fórmulas sinxelas. Deste modo, intentan que, nos concursos públicos, as empresas concesionarios teñan a obriga de establecer relacións con asociacións sen ánimo de lucro ou con centros especiais de emprego de persoas con discapacidade. O presidente de Amizade explícao cun exemplo: "Se teñen que mercar ordenadores que se prime mercalos a través de asociacións sen ánimo de lucro de persoas con discapacidade que é a maneira de integrar e apoiar o seu emprego".