Constrúen un novo foso na nave de deportes náuticos de Pescadoira
Por Redacción
O Club de Mar de Bueu contará moi pronto cun novo foso para adestrar na nave de deportes náuticos de Pescadoira. As obras, que financia o Concello con cargo aos fondos municipais, teñen un orzamento que supera os 20.000 euros.
Os dous vasos terán 10,90 metros de longo e 2,5 metros de largo, cunha profundidade de 90 centímetros, nas que os remeiros e remeiras poderán adestrar.
Esta instalación situarase na entrada da nave e substituirá os actuais, que se atopan en mal estado, segundo destacan desde o goberno municipal de Bueu.
Xa nos últimos anos, acometérase a substitución da cuberta, a rehabilitación dos muros perimetrais exteriores, a reforma da fachada da nave, a construción dun módulo de vestiarios masculinos, a renovación do ximnasio e a mellora da accesibilidade ás praias de Petís e Pescadoira.
A nave de deportes náuticos de Pescadoira, que no pasado era unha cetárea, foi rehabilitada para o seu uso por parte do Club do Mar Bueu e da Asociación de Embarcacións Tradicionais Os Galos, logo de que o Concello recibise a concesión administrativa do Ministerio de Agricultura durante un período de 20 anos prorrogables.