A Rúa da Santiña será reformada combinando o modelo de cidade co rural dando continuidade ao Camiño de Santiago

Por Redacción
Demetrio Gómez, concelleiro de Obras, presentaba este venres o proxecto básico para a Rúa da Santiña, na contorna do Burgo. Trátase dun proxecto elaborado por Abalo e Alonso Arquitectos. A intención do goberno local é que se tramite esta obra antes de primavera coa idea de que se inicien os traballos a finais deste 2021 ou principios de 2022.
O representante municipal afirmaba que este proxecto combina a calidade urbana do modelo de cidade coa paisaxe do rural ao completar o tramo urbano do Camiño de Santiago. Neste sentido, afirmou que Pontevedra é a cidade que mellor trata os tramos do Camiño.
Para levar a cabo este proxecto básico tivéronse en conta, segundo o concelleiro, as achegas realizadas en asemblea veciñal e sinalou que os arquitectos lograron "coser" os tramos da rúa para darlle un carácter único a esta actuación.
A rúa divídese no proxecto en dous tramos. No primeiro entre o cruzamento coa avenida da Coruña e a rúa Valentín Paz Andrade, a idea é que me manteña o carácter máis urbano debido á presenza dos bloques de vivendas e no segundo, ata a Rúa da Gándara, ofrécese unha visión máis rural,
Demetrio Gómez sinalou que para dar unha visión conxunta a toda a rúa pavimentarase con formigón lavado todo o espazo. Plantaranse árbores segundo os diferentes tramos da rúa partindo de especies tipo liquidámbar nos cruces da zona máis próxima á ponte do Burgo. A continuación instalarase unha fila de ameixeiras púrpuras para contrastar co espazo definido polos arquitectos como o máis industrial da rúa. Na última parte establecerase unha liña de árbores que concluirá nunha zona de estancia e fronte á zona máis rural plantarase unha fila de chopos.
O Concello ten previsto establecer varias zonas de estancia nesta rúa coa instalación de bancos illados nas zonas máis estreitas e nos cruzamentos. Na zona con arboledo crearanse espazos con cadeiras illadas e un banco lineal baixo o novo arboledo. Ademais establecerase unha zona de descanso no extremo norte da rúa coa conservación da fonte existente neste tramo.
Van renovar todos os servizos de rede de sumidoiros, augas e electricidade, coa idea de establecer as conexións baixo terra tanto do gas como das telecomunicacións e enerxía eléctrica.
Por último, o proxecto inclúe unha nova iluminación vertical con báculos illados ou suxeitos nas fachadas dos edificios e a sinalización nos bancos, muros e chans que marquen o percorrido do Camiño a Santiago.
Relacionadas:
-
Seis empresas compiten polo contrato para a reforma integral da Rúa da Santiña
Por Alejandro Espiño |
-
A zona de tráfico reducido do casco urbano estenderase a Monte Porreiro, Estribela e O Burgo
Por Alejandro Espiño |
-
Campañó, Marcón e Xeve, obxectivo das últimas obras no rural
Por Redacción |
-
Instalan dous cargadores para móbiles na humanizada Avenida da Coruña e na contorna de Pasarón
Por Manu Otero |
-
O Concello espera que as obras na rúa da Santiña comecen a finais de ano
Por Redacción |
-
O Concello convoca unha asemblea telemática para explicar aos veciños a reforma urbana da Santiña
Por Redacción |
-
O Concello traslada a Amizade os detalles da reforma urbana de Barcelos e a rúa Santiña
Por Redacción |
-
Cambio de sentido de circulación a partir do martes 22 na Santiña
Por Redacción |
-
O proxecto para a reforma integral da Santiña, enviado a Patrimonio pola súa afectación ao Camiño de Santiago
Por Natalia Puga |
-
As reformas da Santiña e da Rúa da Torre, próximas actuacións no Burgo
Por Alejandro Espiño |