Non sen a miña mascota!
Por Paula Virgós
Mentres en España aínda resulta pouco habitual encontrar hoteis nos que se permita a entrada a cans ou gatos, en Alemaña é normal levarse o can de viaxe, ao restaurante e ata ao centro comercial.
Non se permite que entren cans nos supermercados nin en tendas de alimentación, pero nunha tenda de roupa na que un cartel non o prohiba expresamente, poderán acceder os cans. Moitas empresas pequenas permiten aos seus empregados levar o can á oficina e algúns donos de pequenos negocios levan a súa mascota a traballar. Os cans poden viaxar en tren, metro ou autobús. De feito en Alemaña resulta máis normal e está máis aceptado encontrar nunha cafetaría a un can que a unha muller dando de mamar.
En moitos parques non se permite a entrada a cans ou os cans deben levar correa. Pero a maioría de cidades teñen parques ou zonas acoutadas para cans "Hundeauslaufflächen" onde os cans poden ir sen correa: en Frankfurt, unha cidade con case 700.000 habitantes hai 25.
Pero ter can non é barato. De feito as autoridades alemás consideran un luxo ter un can e, polo tanto, o imposto que os donos pagan é independente das súas rendas. A taxa depende de onde un viva, xa que o importe o fixan os municipios (Gemeinde) e só unha cidade en Alemaña, Eschborn, non cobra este imposto.
Así, ter un can en Berlin se grava con 120. -€ anuais, mentres que en Hamburgo a cifra ascende a 90. -€. Hoxe por hoxe, a cidade máis cara é Colonia con 156. -€ por ano (segundo www.hundesteuer-24.de). Se o propietario ten máis dun can, o imposto polo segundo e terceiro animal increméntase (en Frankfurt 90. -€ polo primeiro e 180. -€ por cada un dos seguintes); e se se trata dun can de raza perigosa ou que por algún altercado sexa considerado perigoso, pagaranse 900. -€ por ano.
Ademais aconséllase ter un seguro de responsabilidade civil. En total, a Federación Alemá de Protectoras de Animais (Tierschutzbund) calcula o custo medio dun can, cunha vida de 14 anos, en polo menos 11.000 €.
As adopcións de mascotas convertéronse en actividades bastante habituais. E aínda que as protectoras alemás non se encontra precisamente baleiras (por exemplo, o "Tierschutverein Frankfurt/Main und Umgebung von 1841 e.V. " contaba a día 21 de agosto de 2013 con 109 cans, 183 gatos, 63 animais pequenos (ratos, coellos) e 32 paxaros, segundo a súa páxina web algunhas protectoras ofrecen contactos para adoptar cans e gatos de España.
O trámite de adopción comeza enchendo un formulario para a protectora de animais, no que ademais dos datos persoais do adoptante se pregunta sobre o tipo e tamaño da vivenda, se o animal durmirá na casa ou fóra, cantas horas pasará a mascota soa, onde pasará o adoptado as vacacións dos seus donos e se hai outros animais ou nenos na casa. Unha vez cumprido este trámite producirase un primeiro achegamento entre adoptante e animal. A protectora decidirá se se precisa máis dunha visita. Cando o adoptante se leva ao can (ou gato) á casa, pagará unha cota fixa e asinará un contrato de acollida por dúas semanas ao cabo das cales se formalizará a adopción. As cotas poden chegar aos 200. -€ por un can (se está castrado), e de 80. - a 100. -€ por un gato. As cotas por un coello ou unha cobaia non chegan aos 30. -€.
Os propietarios que non teñen tempo de sacar a pasear ao seu can poden contratar alguén para facelo. As tarifas dos dogsitters non profesionais van dos 5. -€ aos 20. -€ por hora.
Aínda que moitos alemáns viaxan cos seus cans, cada vez son máis habituais os "hoteis" para mascotas; algúns acollen unicamente cans ou gatos ou paxaros, outros ofrecen espazo a todo tipo de animais. A estanza nun centro para un can custa uns 25. -€ por día e este prezo inclúe aloxamento, comida e actividades. Algunhas protectoras teñen espazo para animais de acollida, sobre todo en casos de emerxencia; por exemplo se o dono dun animal ten que ser ingresado nun hospital. A acollida dun gato custaría uns 15. -€ por día. Outra opción é participar nas "bolsas de intercambio" organizadas por algunhas protectoras a través das que se pode encontrar unha familia que coide da túa mascota mentres estás de vacacións a cambio de que despois ti coides da súa cando se vaian eles...