Os ambulantes ameazan con asistir este domingo á cancelada Feira de Barro
Por Redacción
Un grupo de ambulantes ameaza con asistir este domingo 15 á Feira de Barro alegando que ninguén lles comunicou que se deixase de celebrar. O alcalde, José Antonio Landín, anunciara que se rescindía o contrato que vinculaba ao Concello coa empresa organizadora e que se suspendía o mercadiño. Non obstante, a Asociación Galega de Ambulantes e Autónomos (AGAA) que preside Francisco Romero, tras unha reunión mantida en Pontevedra, sostén que o Concello de Barro deberá permitir a instalación de todos aqueles vendedores que presenten a documentación que os habilita para a venda ambulante.
Dende o colectivo sinalan que mentres o goberno local non elabore a ordenanza fiscal específica, de taxas de ocupación da vía pública deberá recadar un euro por metro lineal do posto de venda, da mesma forma que sucede no resto de mercados galegos. E alertan que se ten que actualizar o regulamento municipal de venda ambulante segundo a Lei de Comercio. Neste sentido, reclaman que no novo regulamento se estableza a concesión dunha autorización municipal a cada ambulante que presente a documentación correspondente para que poida mostrala no seu posto de venda e, desta forma, controlar os vendedores ilegais.
Dende a AGAA indican que estas medidas as reclamaron dende que se organizaron os primeiros mercados en Barro.
Pola súa banda, o alcalde José Antonio Landín alega que o contrato coa empresa concesionaria da organización finalizou e non pagou os anos desta concesión. Por este motivo, ameaza con desaloxar en caso de que se presenten os ambulantes este domingo 15.