A presidenta da Deputación pídelle ao Estado "axilidade" na rebaixa das peaxes da AP-9
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, mantiveron este xoves unha reunión telemática na que a mandataria provincial aproveitou para solicitar "axilidade" na entrada en vigor da rebaixa das peaxes da autoestrada AP-9.
Carmela Silva destacou o "avance sen precedentes" que, ao seu xuízo, supón a inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021 dunha partida de 55 millóns de euros para abaratar todos os tramos "dunha vía estruturarche para Galicia".
Javier Losada explicou que Galicia sofre "o pecado orixinal" da ampliación da concesión ata o ano 2047 "por parte do Goberno de España presidido por Aznar", o que "imposibilita o fin do período concesional e a liberación das peaxes, como está a suceder noutras partes do Estado".
O delegado asegurou que o Ministerio de Transportes e Axenda Urbana xa está a traballar no "armazón" do Real Decreto que regulará esta rebaixa "para todo o período que resta de concesión".
Segundo Losada "o importante é facelo ben e evitar controversias xurídicas, pois a propia Xunta de Galicia acaba de recibir unha sentenza contundente do Tribunal Supremo que lle obriga a pagar cantidades a Audasa".
EXPLICACIÓNS Á XUNTA
Na reunión entre a presidenta da Deputación de Pontevedra e o delegado do Goberno en Galicia tamén abordaron as transferencias extraordinarias recibidas pola Xunta desde o comezo da pandemia.
Carmela Silva pediu que o Goberno de España esixa que ao Goberno galego información "transparente e detallada" do destino destes 735 millóns de euros transferidos e que explique "porque non está a chegar nin un só euro deses recursos extraordinarios ao mundo local", lembrando que as entidades locais son "as que xestionamos o día a día e as demandas da cidadanía".
"Facedes moi ben en pedir explicacións", respondeulle Losada porque, segundo apuntou, hai 224 millóns de euros especificamente dedicados a afrontar os efectos económicos da pandemia entre todos os sectores, e outros 93 millóns para políticas educativas ou 450 de políticas sanitarias públicas.
Javier Losada informou que o Goberno de España leva mobilizados 2.538 millóns de euros na provincia de Pontevedra desde o pasado mes de abril en medidas de apoio social. Durante a reunión, o delegado do Goberno puxo á Deputación de Pontevedra como exemplo palpable de " cogobernanza eficiente" entre administracións que exercen competencias nun mesmo territorio.
OUTROS ASUNTOS
A reunión serviu tamén para repasar os asuntos tratados no primeiro encontro entre presidenta da Deputación e delegado do Goberno en agosto de 2018 como a reforma proxectada no nó de Bombeiros e as obras da circunvalación de Pontevedra que "están en marcha".
Carmela Silva expresou a súa satisfacción ao comprobar que os asuntos tratados "acaban converténdose en feitos e que esta provincia avanza cada vez que nos reunimos".
Relacionadas:
-
Pilar Rojo cre que o PSOE está en contra de que a autoestrada AP-9 sexa galega
Por Oskar Viéitez |
-
Os populares preguntan ao Goberno pola reforma do nó de bombeiros: "Debería estar en marcha"
Por Redacción |
-
O Goberno reitera que baixará as peaxes da AP-9 e o BNG ínstalles a concretar cando
Por Alejandro Espiño |
-
RADIO.- "Coa loxística sanitaria de Galicia máis da metade dos galegos poderían estar vacinados, pero faltan vacinas"
Por Marisa Ciordia |
-
O BNG esixe ao Goberno central a baixada inmediata das peaxes da AP-9
Por Redacción |
-
Audasa estrea o ano cunha subida das peaxes da autoestrada AP-9
Por Oskar Viéitez |
-
O PSOE aplaude que os PGE 2021 atallan o "agravio" que sufría Pontevedra coa AP-9 e destinan un 30% máis de fondos á provincia
Por Redacción |
-
PGE 2021 | Lores ve "recollidos" os compromisos "amarrados" polo BNG e Domínguez considéraos "desilusionantes"
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada