Rescatan unha cadela en Cuntis que levaba dous días atrapada nunha casa abandonada
Por Redacción
Efectivos do Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis lograba, coa axuda da Policía Local, rescatar sen que sufrise danos á cadela Milú. Este animal de compañía levaba dous días desaparecida da súa vivenda na parroquia de Cequeril.
A propietaria de Milú, despois de investir horas na súa procura, conseguía escoitar os seus ladridos dentro dunha casa abandonada situada no lugar de Corga de Abaixo no municipio de Cuntis.
Sacar o animal da vivenda foi unha tarefa complicada, segundo contan os efectivos de Protección Civil. A casa atopábase pechada e os seus propietarios non residen no municipio. Ante esta situación, os servizos de emerxencia decidiron acceder a este inmoble por unha ventá, recoller á mascota e sacala de novo pola xanela.
Milú, que é unha cadela nova, atópase en bo estado de saúde e non sufriu danos durante o rescate e recupérase das 48 horas que permaneceu nesta casa. O animal mostrou a súa alegría tras ser rescatada e observar á súa dona.
Segundo indican, trátase dun animal que ten costume de perseguir aos gatos e non dubida en subirse a tellados. Por este motivo, os servizos de emerxencia sospeitan que Milú debeu de seguir a un felino subíndose a un teito por un acceso desde o exterior que queda ao mesmo nivel pero que, no momento en que entrou, esborrallouse parte dese teito e a mascota quedou atrapada no interior da vivenda.