María Ramallo renuncia á súa acta no Congreso para centrar a súa atención en Marín
Por Oskar Viéitez
A deputada nacional do PP de Pontevedra, María Ramallo, renunciará á súa acta no Congreso dos Deputados para centrar o seu traballo exclusivamente no Concello de Marín.
A alcaldesa de Marín sinalou que "o ano 2021 non vai ser sinxelo, a pesar de que en marzo quixemos ser optimistas e pensar que a superaríamos chegados a este punto, o certo é que a pandemia non deixa de golpear e volvemos a vivir meses excepcionalmente difíciles".
É por elo, engade, que "ante o evidente cambio na orde da lexislatura e o complexo panorama existente", decide dar un paso adiante e deixar o seu escano no Congreso.
Ramallo sinala que, si ben é certo que en todo este tempo non se moveu do concello, xa que a presencia dos deputados no Congreso reduciuse radicalmente desde marzo pola covid-19 e se impuxo a xestión telemática, considera que "veñen meses moi complicados que requiren dun especial esforzo desde o concello. As consecuencias sanitarias, sociais e económicas son moi importantes e a miña única preocupación son os meus veciños e veciñas".
A renuncia farase efectiva a finais deste mes de xaneiro.
María Ramallo agradece a confianza do PP e que comprendan esta decisión "entendo a política como a mellor ferramenta coa que poder ser útil. E esa labor nestes momentos require dun esforzo engadido que nos obriga a todos os que nos dedicamos a ela". Por iso, di que "seguirei traballando en construír, alcanzar metas por duras que se poñan e dedicando todos os días a tratar de aportar e solucionar problemas cos que non contábamos e que, sen dúbida, requiren do noso esforzo e atención".
A súa última actividade como deputada nacional será na reunión que manterá co deputados nacionais e senadores da provincia os próximos días, para render conta do seu traballo, dos seus posicionamentos e propostas.
"Agradezo a confianza e o entendemento con Alfonso Rueda e Alberto Núñez Feijóo, pero tamén aos meus compañeiros de provincia, deputados e senadores, por todas as facilidades que me brindaron para realizar o meu traballo e recollendo en moitas ocasións o sentir do municipalismo que sempre me acompaña", conclúe.