Despídese o temporal Gaetán e deixa paso á evocadora borrasca Hortensia
Por Redacción
A borrasca Gaetán despídese deixando atrás intensas precipitacións, fortes refachos de vento e algunhas incidencias. É a primeira do tren de borrascas que azoutará as Rías Baixas esta semana.
O paso de Gaetán estaba precedido por unha alerta laranxa por ventos de máis de 100 quilómetros por hora que desprazaron contedores, algúns desprendementos e árbores caídos (singularmente un centenario de gran porte en Cambados), balsas de auga na estrada, peche de parques en Vilagarcía, un poste da luz abatido polo vento no lugar do Muíño, en Poio e, sobre todo, moitos paraugas rotos.
Despois de Gaetán, hoxe chegará Hortensia, un nome co que a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) bautizou a esta nova borrasca e que lembra ao furacán que en outubro de 1984 castigou a Galicia.
A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta vén de activar unha alerta laranxa por temporal e por vento en toda a comunidade.
Segundo as previsións de Meteogalicia para os próximos días, nas Rías Baixas espérase unha alternancia de períodos de ceos moi chuviosos con momentos de nubes e claros. Haberá precipitacións todos os días.
O venres seguiremos con inestabilidade na atmosfera e con chegada de aire frío. Espérase así unha xornada de ceos parcialmente nubrados con chuvascos máis frecuentes e intensos durante a mañá. A cota de neve baixará ata os 1.100 metros. As temperaturas sufrirán un lixeiro descenso. O vento soprará de compoñente oeste, forte no litoral.
O sábado chegará unha fronte fría durante a mañá deixando ceos cubertos e choivas que serán especialmente intensas na franxa atlántica. A partir do mediodía quedaremos nunha situación de chuvascos, probables en calquera punto da Comunidade.