Un matrimonio, de 81 e 80 anos, falece o mesmo día vítima do covid-19 no Hospital Montecelo
Por Redacción
Unha muller de 81 anos e un home de 80 falecían durante as últimas horas no Hospital Montecelo. Trátase dun matrimonio natural de Moraña, que contraera a enfermidade e que se atopaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra durante os últimos días.
Ambos faleceron na mesma xornada, con poucas horas de diferencia, durante a mañá e durante a tarde deste martes 19. Segundo o Servizo Galego de Saúde (Sergas), tanto a muller como o home contaban con enfermidades previas no seu historial médico.
Con estas dúas novas perdas, a cifra de persoas falecidas ascende a 94 na área sanitaria de Pontevedra - O Salnés desde que se cuantifican as mortes por covid-19. A vítima anterior producíase tamén en Montecelo este luns 18 e tratábase dunha muller de tan só 57 anos que non contaba con patoloxías previas antes de contaxiarse por coronavirus, segundo o Sergas.
A Consellería de Sanidade notificaba este mércores 20 de xaneiro a morte de 16 persoas durante estas últimas horas en toda Galicia, entre as que se inclúe o matrimonio de Moraña. Dous homes, de 77 e 83 anos, e unha muller de 96, procedente da residencia Paaz e Ben de Tui, falecían no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo; un home, de 56 anos e unha muller de 84, no Hospital de Povisa, tamén en Vigo.
A estas vítimas hai que sumar un home e unha muller, de 88 e 89 anos, no Complexo Hospitalario de Ourense; un home de 90 e dúas mulleres, de 84 e 85 anos, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; un home de 95 anos, no Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo, procedente da residencia A Pastoriza; unha muller de 80 anos, que falecía na residencia Santa María de Verín e outras dúas mulleres, de 91 e 87 anos que morrían nas residencias DOMUSVI de Vimianzo e Santa María de Verín, respectivamente.
Todas as vítimas rexistradas durante esta xornada presentaban outras enfermidades no seu historial clínico, segundo comunica a Consellería de Sanidade. Con estas 16 novas mortes, o número de persoas falecidas en Galicia desde o inicio da pandemia ascende a 1.566.
Relacionadas:
-
Tres falecementos este domingo en Montecelo e a área sanitaria xa supera o centenar de mortes por covid-19
Por Redacción |
-
Unha muller de 70 anos falece por covid no Hospital Montecelo entre as catro vítimas que se rexistran este sábado na provincia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Un paciente de 74 anos, vítima 97 na área sanitaria, nunha xornada con 15 falecidos por covid en Galicia
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido |
-
Lores ve "inasumible" o nivel de contaxios e pide estudar "seriamente" un novo confinamento
Por Alejandro Espiño |
-
Poio, abocado ao nivel extremo de restricións tras alcanzar unha incidencia de 1.451
Por Alejandro Espiño |
-
Alertan do incremento de maiores que aparecen mortos nos seus domicilios
Por Redacción |
-
Sanidade notifica nove vítimas de covid en Galicia este domingo, unha delas en Montecelo
Por Redacción |
-
Cinco falecementos por covid-19 en Galicia durante esta xornada, un deles en Montecelo
Por Redacción |
-
Medio centenar de novos positivos nun día na área sanitaria, que mantén 50 pacientes nos hospitais
Por Natalia Puga |