Marín cifra en 82.000 euros o impacto no comercio local da súa campaña de dinamización
Por Redacción
O Concello de Marín desenvolveu durante as últimas semanas unha campaña de dinamización directa do consumo baixo o lema 'Apoiar o noso'. Dentro das actividades, promoveuse o sorteo de 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros entre a veciñanza que realizase compras superiores a 30 euros nos establecementos comerciais e de hostalaría da vila.
Este luns 18 celebrábase o sorteo das tarxetas. Trala comprobación de todos os tickets presentados para constatar que cumprían as normas do concurso, o Concello fixo un cálculo polo que estima que o impacto na economía local da campaña foi de 82.000 euros.
"Estamos moi satisfeitos cos resultados desta campaña, que é a primeira que se fai destas características e na que a veciñanza volcouse para apoiar o noso. Diciamos na presentación da campaña que Marín precísanos a todos máis ca nunca e a nosa sociedade demostrou que está presente e que pon o seu grao de area para saír desta situación tan complexa", afirmou a concelleira de Festas, Marián Sanmartín.
A edil estivo acompañada pola concelleira de Comercio, Cristina Acuña, na súa visita á Oficina da Praza de España na que os gañadores poderán recoller as tarxetas regalo este mércores e mañá xoves en horario de 11.30 a 14.30 e de 17.00 a 21.00 horas, presentando o seu DNI.
En total, foron 1.800 os participantes que achegaron conxuntos de tickets superiores a 30 euros (nalgúns casos con compras moi superiores a ese importe) durante o tempo que durou a campaña. Agora, tal e como explica a concelleira, "os gañadores terán ata o sábado 27 de febreiro para facer uso das súas tarxetas, que só serán válidas nos establecementos comerciais e hostaleiros de Marín".
ANUNCIO DE NOVAS CAMPAÑAS
Ante a boa acollida que tivo esta campaña, o Goberno local anuncia que se realizarán máis iniciativas de incentivación do consumo para seguir axudando á economía local. Estas novas campañas terán sempre como fío condutor a Marín en Rede, a plataforma de visibilidade e dixitalización da economía local, na que se poden consultar todos os establecementos da vila a tan só un click.
Por outra banda, o Concello segue a traballar no Plan Reactiva Marín, un proxecto no que se investirán máis de 80.000 euros e a través do cal máis de 30 negocios da vila que teñan interese en participar do proxecto e que cumpran os requisitos poderán gozar de bonos de 45 horas de formación en distintas disciplinas.
Relacionadas:
-
Últimos días para participar na campaña 'Chega a primavera a Marín en Rede' e conseguir unha roseira
Por Redacción |
-
Marín en Rede presenta o vídeo da campaña '#EmbaixadoresDoNoso'
Por Redacción |
-
O Concello sorteará 100 tarxetas regalo por valor de 50 euros para gastar nos comercios e locais de Marín
Por Redacción |