Poio instalará tres novos centros comunitarios de compostaxe no núcleo de San Salvador
Por Redacción
Tres novos centros comunitarios de compostaxe vanse a instalar no núcleo de San Salvador, segundo explica o goberno municipal de Poio, tras o éxito que acadou o que se colocou hai tres meses na rúa Rosalía de Castro.
Estes recipientes situaranse na Praza de Ferreirós, no parque Ankar e tamén na Rúa Miño, situada nas inmediacións da Praza Riestra, na Caeira.
A día de hoxe, a mestra composteira encargada de xestionar o dispositivo estima que son preto de trinta as vivendas que fan uso do composteiro comunitario de Rosalía de Castro.
Con todo, asegura que esta cifra en realidade probablemente sexa moito maior, xa que, tal e como explica a tenente de alcalde, Chelo Besada, "sabemos de xente que fai uso do composteiro polas tardes, fóra do horario habitual da mestra composteira".
O Concello salienta que os participantes están a seguir de xeito axeitado as normas de uso. "Apenas se localizan impropios como plásticos ou outros materiais que non se poden tratar neste tipo de dispositivos e a xente tapa correctamente co estruturante ", explica Susana Terrón, a mestra composteira encargada deste servizo.
A xente participante pode solicitar o compost, vía telefónica ou por correo electrónico para o seu uso en macetas e hortas.
A medio prazo, a intención da administración local é habilitar máis dunha ducia de composteiros comunitarios e incrementar o reparto de unidades individuais.
Actualmente a materia orgánica supón preto do 50% do peso total da bolsa do lixo de Poio, o que implica que miles de toneladas de restos orgánicos van a parar á incineración, "o que supón un custe moi elevado", sinala Chelo Besada.
Relacionadas:
-
2020 remata con 47 concellos da provincia adheridos á compostaxe do Plan Revitaliza
Por Redacción |
-
O primeiro centro de compostaxe comunitario de Poio xa está en funcionamento
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello de Poio quere habilitar 15 centros comunitarios de compostaxe en todo o termo municipal
Por Redacción |