Prohiben as visitas aos hospitais da área sanitaria e farán test de antíxenos a todos os pacientes durante o seu ingreso
Por Natalia Puga
Os hospitais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés viven unha situación que os seus responsables recoñecen que "empeza a ser un pouco preocupante" e, para facer fronte a esta terceira onda da covid-19 e tentar garantir a asistencia hospitalaria a todos pacientes, acordáronse novas medidas que afectan o funcionamento dos centros.
En xeral, sinalan que "a transmisión comunitaria é xa maior que no mes de marzo ou abril", de modo que decidiron actuar sobre os pacientes que xa están ingresados. A partir de agora empezarán a realizar test de antígenos aos pacientes durante a súa hospitalización "co fin de poder detectar canto antes a pacientes que ingresaron sendo negativos que poden positivizarse durante o ingreso".
As medidas tamén afectarán os acompañantes dos pacientes, pois se acordou non permitir as visitas aos pacientes hospitalizados, debido, precisamente, a que a transmisión comunitaria é "moi elevada" e están a detectar que durante as visitas e acompañamentos dos pacientes está a darse "algún contaxio".
"Para poder evitar e minimizar esta transmisión", tan só se permitirán as visitas en casos excepcionais e xustificados nos que os pacientes necesiten a un acompañante.
A directora asistencial da área sanitaria, Sonia Fernández- Arruty Ferro, explicou que tamén empezan a ter "dificultades" para ingresar a pacientes que acoden por urxencias, de modo que optaron por suspender na mañá deste martes e tamén para este mércores algunha intervención cirúrxica non prioritaria xa programada. Suspendéuselle, segundo indicou, a "pacientes que podían esperar".
O Hospital de Montecelo centraliza a maior cantidade de pacientes con covid-19 da área sanitaria. Segundo os datos facilitados pola directora asistencia, hai habilitadas nestes momentos dúas plantas para pacientes con covid-19 neste hospital, as de traumatoloxía e Pneumoloxía, nas que hai 50 pacientes. Ademais, hai outros 9 no Hospital do Salnés
Fernández- Arruty recoñece que a situación na UCI tamén é "bastante preocupante" porque nestes momentos hai 17 pacientes na UCI que ingresaron con covid-19, dos que 1 está no Hospital do Salnés e 16 en Montecelo. Deses 16 de Montecelo, 5 xa dan negativo na proba de covid-19.
Nas plantas de hospitalización hai nestes momentos un un total de 59 pacientes, pero xa prevén que "algún deles empeorará e pasará ao longo do día de hoxe ou das próximas horas á UCI", por iso é polo que a situación na UCI empece a ser tamén "preocupante".