A primeira fin de semana de restricións máis severas sáldase con 18 denuncias en Vilagarcía
Por Redacción
A primeira fin de semana coa entrada en vigor das novas restricións sanitarias e de adianto do toque de queda ás 22 horas saldouse en Vilagarcía coa presentación de 18 denuncias por diferente tipo de incumprimentos.
A Policía Local estableceu controis nos límites municipais e realizou patrullas de inspección para velar polo cumprimento das normas coas que se está tratando de frear o avance da pandemia nuns momentos complicados debido ao crecente número de casos.
Entre o venres e o domingo, a Policía Local identificou e cursou denuncia contra 9 persoas que se atopaban nas rúas máis aló desa hora sen ningún tipo de xustificación. Os controis realizados en diferentes puntos dos límites municipais deron pé á presentación de 7 denuncias por saltarse o peche perimetral carecendo tamén de causa xustificada.
Por último, esta fin de semana tamén se denunciou en dúas ocasións a un mesmo establecemento comercial por permanecer aberto máis aló do horario de peche establecido polas autoridades sanitarias.
O Concello de Vilagarcía lembra á cidadanía a importancia vital que representa cumprir as normas sanitarias dada a gravidade que está a alcanzar a pandemia nesta terceira onda, por iso piden que se extremen os coidados e as medidas establecidas polas autoridades sanitarias para tratar de frear o avance da enfermidade e evitar que sexa necesario establecer medidas aínda máis restritivas e que dilaten máis a volta á normalidade.