Moraña pon en marcha un protocolo especial para cumprir co nivel máximo de restricións
Por Redacción
O comité clínico da Xunta decidía na tarde do luns elevar ao nivel máximo de restricións un total de 56 municipios de Galicia. Entre estes concellos con nivel máximo de restricións nesta terceira vaga da covid atópase o de Moraña.
Apenas unhas horas despois, na mañá deste martes reuníase o Comité de Seguimento Municipal no que participaron o alcalde, José Cela, a tenente de alcalde, Norma Caldas, e representantes de Protección Civil, Policía Local e a Secretaría Municipal.
Ao remate, o alcalde de Moraña facía un chamamento á veciñanza para que extreme as medidas de seguridade sanitaria, reduza por completo as súas interaccións sociais e se limite a saír do seu domicilio só para actividades imprescindibles. Así mesmo, informa que vén de decretar o reforzo das medidas de prevención no seu territorio.
José Cela explica que o Concello conta, neste martes 19 de xaneiro, con 26 casos activos e unha incidencia acumulada a 14 días que supera os 250 casos por 100.000 habitantes, segundo datos da xerencia sanitaria de Pontevedra e O Salnés, coa que mantén contacto diario para seguir a evolución da pandemia en Moraña. "Malia que a situación medrou en Moraña pola terceira vaga aínda non estamos tan mal como outras zonas, pero xa se falou dun cribado en caso de que os datos empeoren, pero agardamos que non sexa necesario", indicaba Cela.
O alcalde, que ten previsto informar telefonicamente do contido do Comité de Seguimento aos grupos municipais da oposición, detallou que, entre as medidas acordadas, figura o incremento das desinfeccións en espazos públicos especialmente transitados, como as zonas de acceso a establecementos comerciais, a través da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil ou a realización de patrullas informativos por parte da Policía Local para evitar a congregación de veciños e convidándoos á dispersión.
Así mesmo, tamén comezou a repartirse, de xeito persoal no casco urbano e a través dun buzoneo postal no rural, un folleto informativo para lembrarlle á cidadanía a importancia de cumprir coas medidas de distancia social, uso de máscara e xel, evitar o contacto con persoas non convivintes e evitar as saídas do domicilio agás que sexa imprescindible.
Polo demais, o alcalde lembra que todas as persoas con síntomas deben chamar de inmediato ao centro de saúde de Santa Lucía e que os casos positivos poden chamar ao Concello a través do número de teléfono 986 553005 para solicitar os servizos municipais de carácter extraordinario postos en marcha xa hai varias semanas durante a segunda vaga da pandemia co propósito de que, dentro das difíciles circunstancias, poidan facer a súa vida do xeito máis normal posible. Entre estes servizos figuran a compra e transporte domicilio de alimentos e medicamentos, a recollida de residuos domésticos ou os traslados de familiares dependentes.