Sorteo de vales de compra en Campo Lameiro para apoiar o comercio local
Por Redacción
Integrantes do equipo de goberno de Campo Lameiro co alcalde Carlos Costa Domínguez á cabeza entregaron 10.000 boletos aos propietarios dos establecementos colaboradores para que leve a cabo o sorteo de vales de compra en apoio ao comercio local.
Do mesmo xeito que na campaña realizada en novembro e decembro, a intención é que se fidelice ao cliente cos establecementos e servizos promovidos por empresas do municipio. A clientela do comercio local poderá participar nun novo sorteo onde os gañadores coñeceranse coincidindo coa Lotería Nacional do sábado 30 de xaneiro.
Os boletos participantes poderán optar a dous premios, un de 125 euros, para quen posúa o boleto cuxas catro últimas cifras coincidan co primeiro premio e outro, de 100 euros, para o que teña un boleto con catro últimas cifras coincidentes co segundo premio da Lotería Nacional.
O prazo máximo para trocar os cheques-regalo será de 15 días despois do sorteo e as persoas beneficiarias poderán solicitar unha fragmentación da contía total dos cheques, sempre en cifras redondeadas e nunca en cantidades inferiores a 25 euros.
A iniciativa forma parte da campaña 'Campo Lameiro de todo e para tod@ s' e ten como finalidade dinamizar e apoiar ao comercio local, afectado duramente pola crise provocada pola pandemia.