O Colexio de Enfermería de Pontevedra acumula unha débeda superior aos 6 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O Colexio Oficial de Enfermería de Pontevedra deberá asumir a débeda de 1.5 millóns de euros ao Consello Xeral de Enfermería de España pola falta de pagamento de cotas correspondentes ao período comprendido entre 2011 e 2015.
Unha sentenza, ditada polo xulgado contencioso administrativo número 3 de Pontevedra vén sumarse á de 2014 na que xa se condenaba ao Colexio ao abono de 4.5 millóns de euros.
O secretario do Colexio, Faustino Portela, explicou que se trata dun total superior aos 6 millóns de euros que o Colexio deberá abonar por mor da decisión do seu presidente e xestor da entidade desde hai 35 anos, Carlos Fernández, quen decidiu deixar de realizar os obrigados pagos en 1998 ao amparo da suposta decisión dunha asemblea xeral que en realidade nunca tivo lugar. A estes importes haberán de engadirse os resultantes do período restante, desde 2016 ata a actualidade e que supoñen unha contía próxima a outro millón e medio de euros.
O secretario do Colexio acusa o presidente, Carlos Fernández, de "falta de transparencia, opacidade, ocultismo e carencia de bo goberno".
As sentenzas, de indubidable relevancia para o futuro da enfermería pontevedresa, nunca foron comunicadas de forma oficial polo Colexio aos seus asociados.
Así, esta nova sentenza do 22 de abril de 2020, dáse agora a coñecer de modo indirecto, xa que foi inserida na carta de despedimento dun traballador do colexio, despois de que a Inspección de Traballo obrigase a Carlos Fernández a recoñecer a varios traballadores como persoal laboral da entidade, xa que mantiñan ata entón unha relación de falsos autónomos traballando para o Colexio pero percibindo os seus salarios a través doutra empresa.